TRANSPORTES

TUSSA lanza unha nova imaxe adaptada á súa ampla actividade actual

17/10/2008 A Sociedade Municipal de Xestión do Transporte Urbano de Santiago (TUSSA) estrea imaxe, cun novo logotipo adaptado á actividade actual da empresa. O concelleiro de Transportes, Carlos Nieves, presentou esta nova xanela gráfica coa que achegarse á cidadanía compostelá.

No imaxinario colectivo dos santiagueses e santiaguesas TUSSA é a empresa transporte urbano da capital, e con este servizo identificábase a imaxe actual. Pero a realidade é que este empresa municipal é hoxe moito máis, xa que xestiona as políticas de aparcadoiros, da bicicleta e a estación de autobuses de cidade. A esta ampla actividade responde o deseño do novo logotipo.

As siglas TUSSA perfílanse agora nunha tipografía redondéaa e de liñas esveltas da que xorde a icona. No corazón destes cinco caracteres nace un símbolo, a partir do "S" de Santiago, que remite aos novos servizos da empresa. Isto lógrase con dous semicírculos que lembran as vías de comunicación polas que se transita e as prazas de aparcadoiro que se xestionan.

As formas redondeadas transmiten unha sensación de conxunto, de espazo colectivo compartido e participado polos habitantes de Santiago. Os dous sentidos nos que xiran as figuras aportan axilidade, dinamismo e movemento á figura, conceptos que TUSSA pretende transmitir aos usuarios do transporte urbano da cidade.

A cor azul das letras reforza a imaxe institucional e pública da empresa, mentres que o verde da figura fala dunha cidade sostible na que os seus transportes se xestionan e deseñan cunha vocación ecolóxica e de servizo á cidadanía..

O novo logotipo é máis moderno, máis lexible e versátil, e adaptarase sen esforzo aos novos soportes gráficos, como internet. É un deseño que actúa en solitario, pero de doada convivencia con outras identidades corporativas.

Consello de Administración de TUSSA
A nova imaxe de TUSSA foi un dos asuntos tratados no seu Consello de Administración. Ademais, abordouse o recurso que a empresa presentará contra a sanción imposta polo Instituto Galego de Consumo pola presunta penalización da perda do tícket no aparcadoiro de Xoán XXIII. Carlos Nieves cualificou esta sanción como "inxusta, desmedida e non correspondente á realidade". Recordou que esta sanción se impuxo a raíz dunha inspección, non dunha denuncia, e que a penalización "apareceu reflectida nalgún tícket, pero en ningún caso se aplicou".

Compartir: