CONSORCIO

A Comisión Executiva do Consorcio aproba un investimento de 600.000 euros para os parques da Selva Negra e Granell

15/10/2008 A Comisión Executiva do Consorcio, presidida polo alcalde e presidente da entidade, Xosé A. Sánchez Bugallo, aprobou un programa de actuacións nos parques da Selva Negra e Eugenio Granell cun investimento de 600.000 euros, que serán aportados polo Consorcio, aínda que a xestión dos mesmos correrá a cargo do propio Concello .

En canto ao proxecto de intervención para unha primeira fase no parque natural da Selva Negra, o obxectivo fundamental dos traballos de execución é mellorar as condicións actuais nun sentido recreativo, así como mellorar as condicións das masas forestais frente aos riscos de incendios, proporcionando espazos de utilización socio-recreativa, ao tempo que cumprir coa función de conservación do medio natural. Trátase, en definitiva, de consolidar, ampliar e diversificar a devesa da Selva Negra, creando un espazo forestal de alto valor ecolóxico.

A proposta de actuación abarca, por un lado, a protección e restauración vexetal e, por outro, os equipamentos e diferentes intervencións de obra civil.

En canto a primeira, preténdese consolidar a vella carballeira da Selva Negra, incrementar a biodiversidade das especies, erradicar as especies invasivas, repoboar con especies apropiadas e diversificadas a masa forestal e crear claros de bosque coa fin de diversificar o hábitat. O orzamento para estes traballos ascende á cantidade de 133.000 euros.

Polo que se refire á obra civil e equipamentos, destaca a restauración do réxime hidráulico, incluíndo a creación dun lago novo e mesmo dunha rúa de golf; a restauración dos elementos arquitectónicos xa existentes, muros e outras ruínas; formación de paseos e sendeiros, pequenas presas, aparcadoiro, zonas de acceso, etc.; acometida de corrente eléctrica con postos de alumeado en zonas concretas, canalizacións de augas pluviais e equipamento de mobiliario axeitado. O orzamento para esta segunda actuación ascende á 267.000 euros. O total, polo tanto, é de 400.000 euros para esta primeira fase de actuación da Selva Negra.

Casa do Cabildo
A Comisión Executiva do Consorcio tamén acordou dedicar 2.289.170 euros para a expropiación da Casa do Cabildo, o inmoble situado á beira da antiga sede do Banco de España na praza de Praterías, onde se levan a cabo as obras do futuro Museo das Peregrinacións e de Santiago. Este prezo xusto corresponde coa valoración material do inmoble, estimada pola comisión pericial en 1.289.170 euros, e coa categoría urbana da fachada monumental, obra do século XVIII do arquitecto Clemente Fernández Sarela, estimada en 1.000.000 de euros.

O obxectivo é que a Casa do Cabildo forme parte do proxecto de Museo da Cidade como edificio complementario, xestionado polo Consorcio como novo propietario do mesmo.

Obras de pavimentación
De acordo co convenio asinado entre o Concello e o Consorcio, a Comisión Executiva do organismo interadministrativo acordou que sexa o Consorcio o encargado do mantemento dos pavimentos históricos do recinto intramuros da Cidade Histórica. Neste sentido, e tendo en conta o tempo que queda para rematar o ano 2008 e a capacidade operativa para a execución destas obras neste período, o Consorcio destina a cantidade de 100.000 euros do total dos 300.000 previstos nos investimentos do ano 2008 para atender as referidas obras de pavimento.

Subvencións de rehabilitación
Finalmente, entre outros asuntos de trámite, a Comisión Executiva do Consorcio acordou a concesión e pago de tres subvencións de rehabilitación de elementos singulares de madeira por importe de 22.263 euros; cinco subvencións de rehabilitación de edificios e vivendas por un importe total de 58.767 euros; unha subvención de rehabilitación de locais comerciais por importe de 1.999 euros; e outra de mantemento de edificios por valor de 5.329 euros. En total, dez obras de rehabilitación que acadan a cifra de 88.359 euros.

Estas axudas veñen a sumarse á cantidade de 1.270.267 euros que corresponden ao período de 2007-15 de xullo de 2008.

Documentos relacionados



Compartir: