FUNDACION GRANELL

A Fundación Granell acolle a mostra Dende Cero

22/09/2005 As obras que se expoñen son o resultado dos obradoiros de Pintura Terapéutica, impartidos pola artista e pedagoga Reina D’oore nos dous últimos anos. Neles participan persoas con idades comprendidas entre os sesenta e os noventa anos que nunca tiveron contacto coa creación artística.

O obxectivo destes obradoiros de Pintura Terapéutica é que os asistentes disfruten dunha actividade lúdica e creativa que a súa vez é terapéutica. Segundo a coordinadora da mostra, Reina D’oore, o método empregado permite conducir aos maiores a un estado mental e físico propicio para a creación.

Reina D’oore explica que "a técnica empregada é o acrílico sobre táboa, pola súa imnediatez expresiva e ductilidade de cor". As terapias que teñen como base a pintura, xa levan moitos anos empregándose con éxito, xa que está demostrado que é moi fácil establecer unha conexión entre os estados anímicos e a cor. Segundo a artista "a cor é para os sentimentos e as emocións o que é o aire para o corpo".

A metodoloxía empregada pola pedagoga baséase en procesos surrealistas como o automatismo psíquico, a asociación creativa de ideas e a refundición nunha unidade do corpo e da mente. Ten como base teórica as ensinanzas do artista haitiano Jean Ckaude Garoute, coñecido como "Tiga". Este artista é coñecido por ser o creador do movemento "Saint Soleil" conectado ideoloxicamente con figuras da creación contemporánea dos anos 70 e 80 como Grotowki, ou da filosofía deste tempo como Marlraux.

A mostra, organizada polo Fogar da 3ª Idade Porta do Camiño estará aberta desde o 22 ata o 30 de setembro.

Documentos relacionados



Compartir: