PROMOCIÓN ECONÓMICA

O programa Compostela Activa 2008 recibe 66 solicitudes de participación

13/10/2008 O programa de promoción do emprendemento Compostela Activa 2008, que desenvolve a Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, recibiu 66 solicitudes de participación nas dúas convocatorias coas que conta. 39 solicitudes presentáronse á convocatoria de Axudas para a creación de novas empresas. As outras 27 foron para o Concurso de Novas Ideas Empresariais, que ten como obxectivo facilitar a posta en marcha dun negocio.

Compostela Activa ten como obxectivo axudar a aquelas persoas que queiran desenvolver un novo proxecto empresarial no Concello de Santiago. Este programa cubre, dun xeito integral, as diferentes etapas polas que pasa unha persoa emprendedora deste que ten a súa idea de negocio ata que constitúe a empresa.

A Concellaría de Promoción Económica destina 40.000 euros á liña de Axudas para a creación de novas empresas. Estes incentivos son para aquelas empresas que iniciaran a súa actividade entre o 31 de agosto de 2007 e o 30 de setembro de 2008 e teñan a súa sede no Concello de Santiago. En 2007 beneficiáronse desta liña de subvencións 23 firmas. Cada empresa pode obter ata 2.000 euros, que poden cubrir o 100% dos gastos subvencionables.

Teñen a consideración de gastos subvencionables os definidos como correntes e de primeiro establecemento realizados entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2008 nos seguintes conceptos e excluídos impostos: existencias iniciais de mercadorías, gastos de arrendamentos (locais e/ou equipos), primas de seguros, abastecementos e gastos correntes e gastos de formalización de constitución da sociedade se é o caso. O investimento en activos fixo e as axudas directas á contratación de traballadores quedan exceptuadas desta axuda.

O Concurso de Novas Ideas Empresariais conta cun orzamento de 28.000 euros e divídese en tres categorías diferentes: Novas Ideas Empresariais Edición Xeral e Novas Ideas Empresariais promovidas por mulleres, con tres premios cada unha delas de 5.000, 4.000 e 3.000 euros; e Novas Ideas Empresariais promovidas por persoas tituladas en Formación Profesional, cun único premio de 4.000 euros. O seu obxectivo é apoiar a aquelas persoas que teñen unha idea de negocio, facilitándolle a posta en marcha do proxecto empresarial.

Compartir: