TURISMO E CULTURA

Curtocircuíto proxectará 259 curtas procedentes de 40 países

13/10/2008 A V edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela, Curtocircuíto, celebra a súa semana oficial do 17 ao 24 de outubro. É a primeira vez que o certame dura unha semana, co obxectivo de consolidado como o festival máis importante da Península ibérica, tanto pola cantidade e calidade das curtas recibidas como polo público asistente.

Curtocircuíto presenta en 2008 un amplo abano de actividades. O eixo central serán as proxeccións das 147 curtas escollidas para a Sección Oficial, que se poderán ver gratuitamente no Teatro Principal. Tamén se proxectarán outras 112 curtas nos 11 programas paralelos que terán lugar no CGAC e na Facultade de Filosofía. As 259 curtas que se proxectarán foron escollidas entre as 2.558 que se presentaron ao concurso.

O público poderá ver o mellor da curtametraxe mundial da actualidade, xa que haberá 40 países representados. Ademais, poderá votar para outorgar o Premio do Público, un dos nove premios que se entregarán na Gala de Clausura, que se celebrará o 24 de outubro no Teatro Principal.

Dentro de Curtocircuíto tamén se celebrará a III edición do Mercado Internacional de Curtametraxes, no que participarán máis de 100 profesionais do sector audiovisual, procedentes de 15 países, que poderán mercar os dereitos das curtametraxes inscritas no Festival. Con estas cifras, Curtocircuíto consolídase coma un evento de referencia non só para directores, senón tamén para produtores e distribuidores.

Curtas para maiores e obradoiros
Unha das novidades máis importantes da edición de 2008 é o programa As grandes curtas, que se desenvolve en colaboración coa Secretaría Xeral de Benestar da Consellería de Presidencia. Este programa, que comeza o 17 de outubro, achegará o mundo das curtametraxes a 540 persoas maiores de toda Galicia. As persoas participantes pasarán un día de lecer en Santiago, no que verán unha escolma de curtas e coñecerán mellora a cidade cunha visita guiada deseñada especificamente para pésoas maiores.

Ademais, Curtocircuíto desenvolverá tres obradoiros de Formación. Haberá un Obradoiro de animación para nenos e nenas de entre 8 e 10 anos, impartido por Juan Pablo Etcheverry, no que os cativos gravarán unha curtametraxe. Os outros dous obradoiros, destinados a profesionais, son: Postprodución e mestura de son, impartido por diego Staub e Carlos García, e Estereoscopía, impartido por Enrique Criado, que traerá a Santiago as últimas novidades en cinema en 3D.

Todas estas novidades foron presentadas polo concelleiro de Turismo, Xosé Manuel Iglesias. Acompañouno a concelleira de Cultura, Socorro García Conde, quen destacou a presenza de 30 curtas galegas -14 na Sección Oficial- entre as proxectadas. Tamén estivo na rolda de prensa o director do Festival, Tim Redford. Na súa opinión, o maior número de actividades, a superior contía dos premios e maior repercusión internacional falan da consolidación dun festival "cun catálogo á altura dos mellores festivais do mundo".

Compartir: