ALCALDÍA

A conxelación da taxa do lixo sitúa o incremento real das tarifas públicas nun 3%

10/10/2008 Na súa rolda de prensa semanal, o alcalde aludiu ás ordenanzas fiscais para 2009, aprobadas o luns 6 pola Xunta de Goberno. Aclarou que a suba real é do 3%, malia a aplicación do 4,9% do IPC, xa que a tarifa máis importante, a do lixo –que supón uns 6 millóns de euros, non sube. En calquera caso, recordou Sánchez Bugallo que a suba do IPC coincide coa revisión polo mesmo concepto da maioría de contratos do Concello.

Apuntou tamén que, no exercicio anterior, as taxas subiron menos que o IPC, resultando entón que o Concello tivo que asumir un 2% a maiores. A cantidade que se prevé recadar por taxas en 2008 é de 27.248.412 euros, mentres que coas de 2009 se estiman 27.948.000 euros. De aí resulta un incremento na recadación de 835.629 euros, ou o que o mesmo, o referido 3%. Coa previsión de que o IPC ao final de ano se sitúe nun 3,5 ou 4%, o Concello tería que facerse cargo dunha diferenza entre o 0,5 ou o 1%.

O alcalde recordou que, ademais da conxelación da taxa do lixo, tampouco van subir as tarifas do autobús urbano, polo que tamén será o Concello o que deba asumir a diferenza respecto ao incremento do custo do servizo. As arcas municipais achegan 3,7 millóns de euros a este servizo. Isto supón a subvención municipal do transporte público de 40 euros por habitante, "unha cantidade que en termos per cápita supera á de calquera concello de Galicia".

O día 14 ou 15 de outubro celebrarase un Pleno extraordinario sobre estas ordenanzas fiscais. Ese mesmo día celebrarase outro, solicitado polo Partido Popular, sobre o parque de Bombeiros.

Documentos relacionados



Compartir: