ALCALDÍA

Sánchez Bugallo fala sobre o patrimonio inmaterial das Cidades Patrimonio Mundial en Cusco

22/09/2005 O mandatario compostelán foi invitado ao VIII Coloquio da Organización de Cidades Patrimonio do Mundo (OCPM) para abrir o segundo ciclo de conferencias proposto co lema "O patrimonio inmaterial nas Cidades Patrimonio Mundial. Identificándoo e promovéndoo".

"As cidades Patrimonio da Humanidade son case sagradas" con estas palabras enviadas polo ex secretario xeral da ONU, Javier Pérez de Cuellar, abríase o mércores 21 en Cusco (Perú) o VIII Coloquio da Organización de Cidades do Mundo (OCPM). Pérez de Cuellar, que disculpou a súa presencia por motivos de saúde, quixo enviar unha pequena intervención para saudar aos participantes neste cumio.

O presidente da OCPM e alcalde de Rodas, Georges Giannopoulos, definiu na xornada de apertura o espíritu destos coloquios que "deben ser un foro para aprender e intercambiar coñecementos". Abordando os tres asuntos que centrarán os debates de cada unha das xornadas, aludiu a necesidade de convencer aos propios cidadáns da importancia do seu Patrimonio e moi especialmente "de incluir aos máis novos no proxecto de conservación e preservación do patrimonio, como parte fundamental da súa identidade nun mundo cada vez máis uniforme e global".

Respecto ao tema que abordará a responsabilidade das autoridades locais sobre o Patrimonio, no que hoxe, xoves 22, intervirá como convidado pola OCPM o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, afirmou que "os alcaldes e autoridades locais deben pensar globamente para actuar localmente". Por último expresou a necesidade de implicar colectivamente á cidadanía nesta participación para a preservación e conservación do patrimonio cultural para "poder dotalos dunha maior calidade de vida".

O alcalde compostelán abrirá mañá o segundo ciclo de conferencias proposto co lema "O patrimonio inmaterial nas Cidades Patrimonio Mundial. Identificándoo e promovéndoo". Con el exporán os casos das súas urbes os alcaldes de Kandy (Sri Lanka), Kesera D.Senanayake, e de Ghaardaia (Alxeria) Chikh Salah Bahmed.

Paralelamente ao VIII Coloquio, a OCPM, está a celebrar a súa Asamblea Xeral, que entre outros asuntos, deberá anovar a parte do seu Consello de Administración.

Compartir: