EMPREGO

Promoción Económica participa nun proxecto europeo para acreditar profesionalmente aos coidadores familiares

09/10/2008 O concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Xosé Manuel Iglesias, presentou o proxecto europeo Axudantes Familiares, que ten como obxectivo establecer un protocolo común a nivel comunitario para acreditar profesionalmente ao coidador familiar e favorecer así a súa inserción laboral.

A Unión Europea acaba de aprobar a participación da Concellaría de Promoción Económica e Emprego na iniciativa, enmarcada no Programa europeo Leonardo Da Vinci, e na que colaboran outras seis entidades europeas. Tres están vinculadas á formación e tres a asociacións de profesionais dos servizos ás persoas. Son: Caring of Carers (Reino Unido), Integra Plus (Bélxica), ADMR (Francia), Academia de Formación (Eslovaquia); Escola Central de Formación (Italia) e Instituto para o Desenvolvemento e a Formación de Córcega (Francia), que é o socio principal.

A validación das competencias adquiridas polos/as coidadores/as familiares de xeito informal durante o tempo que estiveron coidando a outra persoa, mediante unha acreditación profesional común a toda a Unión Europea, facilitará a súa incorporación ao mercado de traballo. Sen unha titulación que acredite esa experiencia, a súa inserción laboral sería moito máis difícil, sobre todo tendo en conta que maioría dos coidadores familiares son mulleres, moitas delas maiores.

Xosé Manuel Iglesias apuntou que a sociedade ten unha débeda con este colectivo, ao que é necesario abrirlle portas que lle faciliten o acceso ao mercado laboral. Ademais, esta acreditación axudará a cubrir a demanda que existe nun sector en plena expansión como é a axuda a domicilio ou os servizos ás persoas, con candidatos axeitados que contan con experiencia previa.

Protocolo común
As sete entidades que integran o proxecto Axudantes Familiares teñen de prazo ata o 31 de agosto do ano 2010 para deseñar o protocolo común que sirva de referencia para acreditar profesionalmente aos coidadores familiares. A primeira reunión, na que se establecerá unha axenda de encontros, terá lugar o 20 de novembro en Córcega. As accións que desenvolverá a Concellaría de Promoción Económica e Emprego durante estes dous anos contan cun orzamento de 71.911 euros (15.000 euros para o 2008, 39.484 para o 2009 e 17.427 para o 2010). Será cofinanciado nun 65,30% (46.950 euros) con Fondos Europeos. O 34,70% restante (24.961 euros) aportarao o Concello de Santiago.

Todas as entidades que participan no proxecto "Axudantes Familiares" foron seleccionadas pola experiencia e/ou resultados acadados neste eido. A Concellaría de Promoción Económica e Emprego, que foi convidada a sumarse á iniciativa polo Instituto para o Desenvolvemento e a Formación de Córcega, xa formou a coidadores/as a través dos programas Persoa II e Persoa III habilitándoos para traballar nesta especialidade.

103 persoas das 105 (99 mulleres e 6 homes) que participaron no Proxecto Persoa III accederon ao mercado laboral a través de contratos de diferente duración. Esta cifra representa o 98% do total. Esta liña de formación focalizada nos servizos persoais mantense no Persoa IV, xa que está considerada como un importante xacemento de emprego. O programa Persoa IV contempla oito accións formativas, a través das que se formarían 120 persoas, 15 en cada acción. En todas elas primará a práctica laboral.

Programa europeo Leonardo Da Vinci
O Proxecto "Axudantes familiares" enmárcase no Programa europeo Leonardo Da Vinci. Este programa esta dirixido a persoas presentes no mercado de traballo (persoas desempregadas e persoas traballadoras), persoas que cursen formación profesional de primeiro ou segundo grao, e profesorado, centros, asociacións e entidades vinculados dalgún xeito á formación profesional.

O programa aposta por mellorar a cooperación entre entidades e organizacións relacionadas coa formación, coas empresas e cos interlocutores sociais; facilitar o desenvolvemento de prácticas innovadoras nos ámbitos da educación e da formación profesional; e mellorar a transparencia e o recoñecemento de cualificacións e competencias, incluídas as adquiridas mediante o ensino non formal, é dicir, que non está acreditado profesionalmente.

Compartir: