TURISMO

Salsorro acollerá o musical "Fantàsia" na súa única representación no norte de España

07/10/2008 A sétima edición do Festival Internacional de Salsa de Galicia, Salsorro, acollerá a única representación norte de España do musical Fantàsia, un dos maiores espectáculos de salsa do mundo, no que participan máis de 25 bailaríns e cantantes, incluíndo as formacións completas de dúas das compañías de máis prestixio internacional: Tropical Gem e Flamboyan Dancers.

Fantàsia é unha creación do que por moitos está considerado como o mellor bailarín de salsa da actualidade, o uruguaio Fernando Sosa, director da compañía Tropical Gem. Tamén é coautor da produción Marco Berreta, director da compañía Flamboyan Dancers. A música é orixinal do pianista e cantante Massimo Scalici, que tamén participará na representación.

O musical narra durante dúas horas a historia do coreógrafo Mark Yuran (personaxe ficticio), ante a estrea da súa última obra Fantàsia, e repasa toda a súa traxectoria, intercalando escenas cómicas, cancións e coreografías. No flash back inclúense musicais de fama mundial como Cats, Sister Act, West Side Story ou Stayin Alive, en versións adaptadas á música latina.

A versión estendida do musical Fantàsia presentouse en Milán o 20 de abril. A primeira versión representouse con gran éxito en Roma, Rimini e Milán. No seu paso por España representarase en Santiago de Compostela, Benidorm e Málaga. Será o domingo 9 de novembro ás 22:30 horas, no Palacio de Exposición e Congresos, dentro de Salsorro, que terá lugar entre o 7 e o 9 de novembro. Para poder acudir á representación do musical non é preciso inscribirse no Festival. As entradas, cun prezo de 30 euros, poden adquirirse no portal TopDance, www.topdance.com.

Salsorro 2008, no que colabora a Concellaría de Promoción Económica e Turismo, inclúe no seu programa doce horas de talleres formativos con tres niveis diferentes, iniciación, intermedio e avanzado, para que podan acudir ao evento tanto persoas que se están iniciando na salsa como persoas que levan anos bailando e queren mellorar o seu nivel.

Entre as compañías e bailaríns que estarán en Salsorro 2008 destacan Santo Rico (Nova York), Tropical Gem (Milán), Adolfo e Sheila (Nova York), Hacha e Machete (Boston), Maykel Fonts e Kirenia (Cuba), Juan Matos (Nova York), Flamboyan Dancers (Milán) ou Tito e Tamara (Porto Rico). Tamén estará presente a parella campiona do mundo na especialidade de salsa nos anos 2007 e 2008, Adrián e Anita, coñecidos pola súa participación no programa de TVE Mira quien baila. Tamén estarán presentes os campións de España 2008, Sabrina Kacheroff e Miguel Ángel Bastida. Para máis información do Festival pode consultarse a web www.salsorro.com.

Compartir: