MERCADOS

O concelleiro de Comercio e Mercados reúnese coas asociacións do mercado de gando de Amio

21/09/2005 Nas reunións tratouse da adaptación do mercado de gando á normativa europea de tratamento dos animais que entrará en vigor no 2007.

O concelleiro de mercados, Xosé Manuel Iglesias, reuniuse coa Asociación de Tratantes de Gando de Galicia (Astragal) e coa Asociación Galega de Empresarios de Gando (Agega), en sendos encontros nos que se tratou sobre o proceso de adaptación do mercado de gando de Amio á normativa europea relativa ao benestar animal que entrará en vigor no ano 2007. Esta normativa regula o tratamento que se lle debe dar aos animais durante o seu transporte e o seu manexo no mercado.

Nestas reunións Xosé Manuel Iglesias mostrou o seu compromiso coa consolidación e crecemento do mercado de gando de Amio. Adiantoulles ás asociacións –que entre as dúas teñen asociaciados ao 90% dos usuarios do mercado- que a concellería editará un folleto explicativo da guía de boas prácticas para o benestar animal elaborada pola Asociación Española de Mercados de Gando (Asemga), que se distribuirá entre as persoas que traballan no mercado.

O concelleiro trasladoulle asimesmo que editaría en breve tamén previa aprobación para o mercado de Amio, consensuado en Asemga logo das reunión de decembro en Compostela e a asemblea do pasado fin de semana en Salamanca. . Tamén lles informou de que no recinto do mercado se porán uns carteis de metraquilato para sinalizar os diferentes espazos, indicando os lugares correspondentes aos diferentes usuarios.

Xosé Manuel Iglesias transmitiulles ás asociacións que a concellería de Mercados daralles todas as facilidades para a posta en marcha de cursos de formación destinados aos usuarios do mercado co obxectivo de que adecúen o seu traballo ás esixencias da normativa europea.

Nas dúas reunións as asociacións espuxeron ao concelleiro diferentes suxerencias para mellorar o traballo diario no mercado de gando. Tratouse, entre outras cuestións, do tamaño das xaulas, dos bebedoiros e do chan.

Nas vindeiras semanas, Xosé Manuel Iglesias reunirase cos representantes de Astragal e Agega, esta vez nun acto conxunto. Nesta reunión concretaranse as medidas que é necesario tomar para adaptar o funcionamento do mercado á normativa europea, que será de obrigado cumprimento a partir de 2007.

Compartir: