FACENDA

O Concello conxela a taxa pola recollida do lixo e actualiza as demais segundo o IPC

07/10/2008 A taxa pola recollida do lixo non sufrirá variación no 2009, segundo anunciou o concelleiro de Facenda, Andrés Fariña, na presentación das ordenanzas fiscais para o vindeiro exercicio. No resto de taxas prodúcese unha actualización en función do IPC. Tamén se introducen algunhas modificacións para mellorar a xestión.

A conxelación da taxa do lixo era un compromiso asumido polo Goberno municipal, ao igual que o de non subir tampouco as tarifas do transporte urbano para o 2009. No resto de taxas prodúcese unha actualización segundo a variación interanual do Índice de Prezos ao Consumo (IPC) no período comprendido entre agosto de 2007 e agosto de 2008. Este incremento sitúase no 4,9%.

As taxas por prestación de servizos ás que se lle aplica esta actualización son: Imposto sobre vehículos de tracción mecánica; taxa por expedición de documentos administrativos; taxa por licenza de autotaxi e demais vehículos de aluguer; taxa polo servizo de extinción de incendios; taxa de cemiterio municipal; taxa polo saneamento e depuración de augas residuais; taxa pola subministración de auga e conservación de contadores; taxa polo estacionamento de vehículos de tracción mecánica nas vías públicas municipais; taxa pola retirada de vehículos de tracción mecánica nas vías públicas municipais; taxa por postos de casetas de banda, espectáculos ou atraccións situados en terro de uso público e por venda de artesanía nas rúas, venda ambulante e rodaxe cinematográfica; taxa pola prestación de servizos especiais de vixilancia de espectáculos ou transportes; taxa pola prestación do servizo de celebración de matrimonios civís; prezo público pola prestación de servizos e realización de actividades nas instalacións deportivas municipais; e prezo público dos servizos da Escola Municipal de Música.

Neste capítulo cómpre destacar a supresión da taxa pola expedición de documentos administrativos para o caso de que estes sexan expedidos a través da web municipal.

Tamén se actualiza o valor de aproveitamento urbanístico nas ordenanzas reguladoras de taxas pola utilización do dominio público: taxa pola ocupación do dominio público con mercadorías, materiais de construción, escombros, valos, puntais, soportes, andamios, camións-grúa, grúas móbiles, camións de mudanzas e outras instalacións análogas; taxa pola entrada de vehículos a través das beirarrúas e por reserva da vía pública para aparcamento exclusivo, taxa pola apertura de exploracións ou regos en terreo de uso público e calquera remoción do pavimento ou beirarrúas de vía pública; e taxa polas ocupacións do subsolo, solo e saíntes sobre a vía pública.

Taxa para as empresas de telefonía móbil
Entre as novidades para 2009 destaca a creación dunha taxa pola utilización privativa ou aproveitamento especial de dominio público das empresas de telefonía móbil. Suporá un cargo do 1,4% sobre a base impoñible das empresas, isto é, sobre a súa facturación na cidade.

Segundo Fariña, as previsións municipais é que esta nova taxa supoña unha recadación anual duns 380.000 euros. Esta é unha taxa que non terá beneficios fiscais locais.

Cambios para mellorar a xestión
O concelleiro de Facenda tamén explicou algúns cambios nas ordenanzas co obxectivo de mellorar a xestión das mesmas. É o caso da do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI), que redefine as zonas de bonificación fiscal, ou sexa, aquelas ás que non chegan todos os servizos básicos. Ademais, para aclarar calquera dúbida, engádese o adxectivo "habitual" ao substantivo "residencia" aos efectos de disfrutar de beneficios fiscais.

Na ordenanza reguladora do Imposto sobre vehículos de tracción mecánica, engádese o termo de "baixa definitiva". Elimínanse así as dúbidas que puideran existir respecto ao prorrateo, ao que procederá unicamente neste caso.

A novidade no Imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana é que a solicitude de bonificación poderá solicitarse en calquera momento anterior á notificación ao suxeito pasivo do inicio de calquera procedemento de inspección ou comprobación tributaria, ou de verificación de datos.

Respecto ao Imposto sobre construcións, instalacións e obras, suprímense as bonificacións por incorporación de sistemas para o aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar e por favorecer a habitabilidade de discapacitados, xa que estas dúas cuestións son xa obrigatorias nas construcións.

Finalmente, cómpre apuntar unha novidade na ordenanza reguladora do prezo público por prestación de servizos e realización de actividades nas instalacións deportivas municipais. Engádese o uso "extradeportivo" ao "deportivo" previsto ata agora.

Compartir: