TURISMO

Última semana para reservar praza nos obradoiros de formación audiovisual que organiza Curtocircuíto

06/10/2008 O Festival Internacional de Curtametraxes Curtocircuíto continúa apostando pola formación no terreo audiovisual. Nesta V edición do festival, organízanse tres obradoiros: un destinado aos máis cativos (Iniciación á animación para Nenos) e dous destinados aos profesionais do sector (Cinemar: postprodución e mestura de son e Estereoscopía).

Introdución á animación para nenos está destinado a nenos e nenas de entre 8 e 10 anos e terá lugar nas instalacións da facultade de Ciencias da Comunicación as tardes do martes 21 ao xoves 23 de outubro. O director gañador do Premio á Mellor Curta de Animación da Academia do Cine Europeo e dúas veces nomeado aos Goya, Juan Pablo Etcheverry, será o mestre desta aproximación lúdica á animación en plastilina coa técnica "stop motion". O resultado será unha peza animada que se proxectará na Gala de Clausura, o 24 de outubro. Etcheverry tamén impartirá unha clase maxistral para alumnos da Facultade de Comunicación da USC.

O obradoiro Cinemar: Postproducción e mestura de son, impartirase nas modernas instalacións dos estudios Cinemar os días 22 e 23 de outubro. Un achegamento ás posibilidades do son no cinema contando cas últimas tecnoloxías en sistemas de son.

Enrique Criado, un pioneiro do cinema estereoscópico a nivel mundial será o encargado da masterclass sobre Estereoscopía, que traerá a Santiago de Compostela as últimas novidades de cinema en 3D.

As prazas para todos os obradoiros son limitadas. Xa é posible formalizar a inscrición a través da web do festival www.curtocircuito.org, onde tamén se pode atopar toda a información sobre o concurso de curtas, o III Mercado Internacional de Curtametraxes e as demais actividades do festival.

Compartir: