CONSUMO

Aumenta o número de consultas ante a Oficina Municipal de Información ao Consumidor

21/09/2005 O número de reclamacións presentadas polos composteláns de 2004 ascendeu a duascentas trece, o que corresponde a unha media de seis consultas diarias, segundo explicou a concelleira de Consumo e Sanidade, Elvira Cienfuegos.

No pequeno balance da actividade da Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMI) que fixo a concelleira de Sanidade e Consumo, Elvira Cienfuegos, fíxose fincapé en que o número de reclamacións presentadas polos composteláns ascende a duascentas trece, e que se atenderon unha media de seis consultas diarias.

En opinión de Antón Barba, técnico da OMIC, este incremento de reclamacións e consultas explícase porque os cidadáns teñen máis conciencia dos seus dereitos e coñecen mellor a forma de defendelos.

A maior parte das reclamacións, un total de noventa e seis, refírense á telefonía. Os cidadáns de Santiago tamén se amosan preocupados por temas relacionados con alugueres e compra de vivendas, explicou Barba.

Neste ano, a OMIC respondeu corenta e sete preguntas sobre alugueres e corenta e seis sobre compra de novos fogares. No que se refire ao transporte presentáronse dezasete reclamacións, cinco máis que no 2004. A maior parte das reclamacións e consultas que os cidadáns presentaron sobre as axencias de viaxes refírense ao incumprimento de contratos.

A concelleira de Sanidade e Consumo salientou tamén a diminución de reclamacións sobre o sector público.

Compartir: