REHABILITACIÓN

Recollidos nun catálogo dez anos de rehabilitación de locais comercias no casco histórico

03/10/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu o acto de presentación do catálogo da exposición "B96: dez anos de rehabilitación de locais comerciais en Santiago de Compostela".

Este libro-catálogo recolle o material exhibido nunha mostra que reflicte o traballo levado a cabo pola Oficina Técnica de Rehabilitación do Consorcio de Santiago, que abriu a comezos de 1996 o programa dedicado á mellora dos locais comerciais existentes no ámbito do Plan Especial.

A publicación amosa as fotografías da exposición, nas que se pode admirar o traballo realizado a través do antes e despois das obras de rehabilitación en lugares como lencerías, bares, tabernas, restaurantes, tendas de deporte, sombrererías, perruquerías, reloxerías, farmacias e históricas queserías de venda, entre outros. A actuación na Praza de Abastos conta cun apartado especial dadas as características da rehabilitación dos seus locais.

Con este programa de actuacións recuperarónse e proxectáronse as funcións urbanas do centro histórico de Santiago a través dun proxecto global de rehabilitación que implica a defensa e a reconstrución dos valores da cidade. Os protagonistas e responsables do proxecto analizan no libro o desenvolvemento e a influencia que o mesmo tivo para a conservación da cidade histórica. A exposición titulouse B96 en referencia ao código co que se iniciaron os expedientes de rehabilitación de locais en 1996.

Compartir: