CULTURA

Espectáculos internacionais para todos os públicos nunha nova edición de "Galicreques"

03/10/2008 Presentouse en Raxoi a nova edición do Festival Internacional de Títeres Galicreques, que levará espectáculos de títeres a rúas e teatros de Compostela entre o 6 e o 12 de outubro.

A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, destacou, na presentación da edición de 2008 do Festival Galicreques, o elevado nivel do certame, que traerá a Compostela "compañía e profesionais de recoñecido prestixio a nivel internacional". Ademais, o Festival apoia a cultura galega, "propoñendo un diálogo en igualdade coas demais culturas do mundo", afirmou a edil. Este tipo de certames permiten un intercambio moi interesante ao "permitir ao público galego coñecer propostas doutras zonas do planeta, ao tempo que pon en contacto a artistas e profesionais galegos con persoeiros de renome no panorama internacional", engadiu.

Pola súa banda Jorge Rey, organizador de Galicreques, informou das novidades do programa deste ano. No Festival poderase gozar de espectáculos de monicreques de todos os gustos e técnicas, dende os títeres de fíos ata as sombras, pasando polo de luvas.

Varias seccións
Galicreques 2008 organízase en distintas seccións. De luns a venres, en sesións matinais, ofreceranse espectáculos para escolares, para os que xa se esgotaron todas as prazas. Cara á fin de semana poderase asistir a espectáculos para todos os públicos, e mesmo algunhas funcións dirixiranse en exclusiva ao público adulto.

Tamén se celebrarán espectáculos de rúa na praza de Praterías e na do Toural e, na Alameda, situarase un camión, da compañía francesa Teatro Risorius, con capacidade para 45 espectadores, que ofrecerá espectáculos o venres, sábado e domingo.

No Centro Sociocultural das Fontiñas permanece aberta unha exposición dedicada aos títeres de Asia, do 1 ao 14 de outubro, e haberá unha sección dedicada á formación, na praza do Toural, con obradoiros nos que os asistentes poderán construír os seus propios espectáculos de monicreques.

Direccións relacionadas



Compartir: