CULTURA

O barítono inglés Thomas Allen debuta en Galicia na clausura do IX Ciclo de Lied

02/10/2008 A clausura o IV Ciclo de Lied, que organiza a Concellaría de Cultura en colaboración coa Asociación Galega da Lírica, supón un verdadeiro acontecemento: o primeiro recital en Galicia do veterano barítono inglés Thomas Allen. Este concerto do venres 3 de outubro, ás 20:30 horas no Teatro Principal, convértese así nunha das citas imprescindibles para todo amante da música lírica.

O seu programa recréase na figura de Maurice Ravel a través das coleccións Don Quichotte a Dulcinée, as Historias naturais e as Cinco melodías populares gregas, pero tamén haberá a oportunidade de descubrir a clase dun cabaleiro do canto como Sir Thomas Allen no ciclo L’horizon chimérique, de Gabriel Fauré, e nunha selección das mellores cancións dese autor tan singular como é Henri Duparc.

Sir Thomas Allen é unha das estrelas máis coñecidas en todas as óperas do mundo. Na Royal Opera House Covent Garden, onde celebrou en 2006 o trixésimo quinto aniversario do seu debut neste prestixioso teatro londinense, interpretou máis de corenta papeis. Ese ano tamén celebrou o vixésimo quinto aniversario do seu debut na Metropolitan Opera de Nova York.

Protagonista de excepción deste Ciclo de Lied dende a súa terceira edición e un dos grandes responsables do éxito deste certame musical compostelán é o pianista inglés Roger Vignoles, artista benquerido polo público da nosa cidade que acompañou nos catro concertos do ciclo a cantantes de indubidable categoría e gran personalidade: Anne Schwanewilms, Peter Harvey, Elizabeth Watts e, agora na clausura, ao magnífico Thomas Allen. Os catro actuaron por primeira vez no ciclo e tres deles debutaron en Galicia.

Nove anos da mellor música lírica
Nove anos cumpriu este Ciclo de Lied de Santiago, que madura cada ano e está xa consolidado como apertura do outono musical compostelán. Unha das características orixinais e definitorias deste singular ciclo que se celebra no Teatro Principal de Santiago é presentar cada ano unha temática concreta, e era só cuestión de tempo que un ano rendese homenaxe á mélodie, á canción francesa, coa que salda unha asignatura pendente.

Nos catro concertos fíxose un repaso á particular evolución da canción en Francia dende os primeiros pasos da definición do xénero e Hector Berlioz, e lembrou a singular personalidade de compositores imprescindibles como Fauré, Chausson, Duparc, Hahn, Debussy, Ravel ou Poulenc. Compartindo cartel con eles incluíuse a un autor galego, Marcial del Adalid, que tamén se sentiu inspirado pola poesía francesa e a mélodie, un xénero no que deixou un bo número de partituras.

Compartir: