CULTURA

Espello Cóncavo estrea "Anxeliños", de Roberto Vidal Bolaño, no Teatro Principal

02/10/2008 A Casa do Concello acolleu a presentación da peza teatral Anxeliños, que porá en escena a compañía Espello Cóncavo, a partir do texto orixinal de Roberto Vidal Bolaño. No acto interviron a concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, e máis o director e actores protagonistas da obra.

Socorro García Conde salientou na presentación de Anxeliños a importancia da obra ao poñer en escena a unha das figuras máis importantes do teatro galego contemporáneo, Roberto Vidal Bolaño. A edil gabou, ademais, "a traxectoria consolidada da compañía Espello Cóncavo, fundada en 1994, que defende un teatro comprometido coa cultura deste país".

Arturo López, director da obra, afirmou que Anxeliños pertence a unha etapa creativa moi especial do seu autor, no que destaca o persoal sentido do humor do propio Bolaño. Asemade, lembrou o carácter cinematográfico da obra, composta por 52 secuencias bastante breves que foron reducidas a 44 na montaxe final. Para López, a mellor homenaxe que se lle pode rendir ao gran dramaturgo compostelán é levar á escena o seu teatro.

Un texto de absoluta vixencia
Pola súa banda, Fernando Morán, actor protagonista da peza, admitiu sentirse especialmente motivado polo papel que lle tocou representar, pois foi interpretado polo propio Roberto Vidal Bolaño na primeira estrea de Anxeliños. Por outra banda, destacou a "vixencia brutal do texto, que amosa a cara máis sombría da sociedade en tempos de crise".

Anxeliños describe os avatares dunha sociedade familiar dedicada ao cobro de morosos, inmersa nunha crise económica. A obra vai subir ás táboas do Teatro Principal o sábado 4 e o domingo 5 de outubro, a partir das 21:00 horas.

Compartir: