MULLER

Un grupo de 70 mulleres con cancro de mama leva a súa mensaxe de optimismo e superación polo Camiño de Santiago

03/10/2008 Chegaron a Santiago as 70 mulleres participantes no programa Dilo caminando, que pretende lanzar unha mensaxe optimista respecto do cancro de mama. Despois de percorrer o último tramo do Camiño na compañía de diversas autoridades, foron recibidas en Raxoi polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo.

No Monte do Gozo, ao grupo de mulleres participantes uníronse, entre outras, a concelleira de Muller, Mar Martín; a conselleira de Sanidade, María José Rubio; e a conselleira de Saúde e Consumo do Goberno de Aragón, María Luísa Noeno. Xuntas chegaron ao Obradoiro e asistiron á misa do peregrino na Catedral. En Raxoi foron recibidas polo alcalde. Logo, camiñantes e autoridades puxeron as camisetas co lema da campaña. Xa pola tarde estaba prevista unha mesa redonda no Centro Sociocultural da Fundación Caixa Galicia para falar deste programa.

Dilo caminando consiste na realización do Camiño de Santiago por un grupo de mulleres afectadas polo cancro de mama. Queren demostrar así que se pode vivir ou "camiñar" con el, realizando una actividade saudable e lúdica, que transmite ademais unha mensaxe positiva e optimista.

Este programa estableceuse cun calendario que divide o Camiño de Santiago en tres fases. Iniciouse en 2006 co percorrido polo trazado que une Somport con Pamplona. En 2007 completouse o tramo Puente la Reina-León, e en 2008 as peregrinas camiñaron dende Astorga ata a Catedral de Santiago.

Compartir: