CULTURA

Lorena Lores achega en "Dúas Beiras" as culturas galega e riopratense

21/09/2005 O Teatro Principal acolle o espectáculo desta filla de grovenses emigrados a Buenos Aires no que se mistura a música e a danza das dúas beiras do Atlántico.

No Teatro Principal presenta o seu espectáculo Dúas Beiras, un espectáculo no cal polo medio da música e a danza amosa a cultura das dúas beiras do Atlántico, a galega e a riopratense, e o enriquecemento producido polo encontro de ambas, como froito da emigración. No concerto conxuga cancións tradicionais galegas, outras da súa autoría, tangos e cancións do folclore arxentino.

Neste espectáculo Lorena estará acompañada dunha formación composta por seis músicos: Lucas Luma (piano), Artigas Anello (bandoneón), Enrique Estrada (Guitarra, Teclado e dirección), Óscar Rodríguez (Baixo e contrabaixo), Marcos Campos (Gaita e wistle) e Juan Antonio Rodríguez (Batería e percusión).

Os temas que interpretarán son: Alecríns, Dúas Beiras, Lela, Meu Pai, Ailara, Os teus ollos, Quinta provincia, Estróupele, Alfonsina y el mar, Yo vengo a ofrecer mi corazón, Gracias a la vida, El día que me quieras, Cambalache, Chiquilín de bacín, Naranjo en flor, Celos, La última curda, Desde el alma, Nostalgia e Garúa, entre outras.

Biografía
Filla de grovenses emigrados a Buenos Aires, Lorena Lores retornou a Galiza hai cinco anos. A súa familia chegou a Arxentina en 1950 fuxindo da ditadura franquista. Seu avó era mecánico e traballaba para un militar ao que lle arranxaba o coche. Unha vez seu avó topouse na mesa deste militar varias sentenzas de morte. Con miga de pan fabricou un falso tampón e selou varias sentenzas de morte coa palabra indulto. Sospeitando de que fora descuberto o avó, militante republicano, decidiu marchar a Bos Aires tomando un barco en Bilbao. A súa avoa chegou un ano máis tarde como polisón dun barco que partira desde Vigo.

No ano 1952, tomaron o barco para Arxentina a nai de Lorena, que entonces tiña nove anos, e súa bisavoa. Nese mesmo barco viaxaba o pai da cantante, que entón tiña 18 anos. Dez anos despois desta viaxe seus pais atopáronse nunha festa da Federación das Sociedades Galegas en Arxentina, un bastión de esquerdas, e alí comezaron a súa relación. A familia de Lorena mantivo unha estreita relación con intelectuais e artistas galeguistas do exilio como Luís Seoane. Ela di que era lóxico que os tres irmáns se dediquen á arte. Seus irmán son músicos e pintores.

Logo de retornar a Galiza Lorena Lores e outros emigrantes arxentinos puxeron en marcha a Asociación de Arxentinos no Exterior da que ela é presidenta. Lorena iniciou a súa carreira musical a comezos dos noventa en Bos Aires. Ten un disco de longa duración no mercado, Alecrín, que presentou no marco da Asemblea da Galeguidade. Agora prepara o seu segundo traballo inspirándose en grandes figuras do pensamento galego no exilio como Blanco Amor, Laxeiro, Maruxa Mallo, etc.

Compartir: