CULTURA

A soprano Elisabeth Watts protagoniza o terceiro concerto do Ciclo de Lied

29/09/2008 A IX edición do Ciclo de Lied de Santiago, que organiza a Concellaría de Cultura en colaboración coa Asociación Galega da Lírica entra nos seus últimos días. A protagonista do terceiro dos concertos é Elizabeth Watts, unha cantante que debuta en Galicia cun variado programa dedicado á canción francesa no Teatro Principal (martes 30 de setembro ás 20:30 horas).

A soprano inglesa cantará cancións do compositor, de orixe venezolana e musicalmente francés, Reynaldo Hahn (unha selección que inclúe a fermosísima mélodie A Chloris), de Claude Debussy (as Cancións para Madame Vasnier) e Francis Poulenc (Poemas de Louis Aragon e La court paille). Ademais tamén interpretará temas de autores moito menos coñecidos como Albert Roussel e Jacques de Menasce.

Elizabeth Watts é a máis nova dos catro excelentes cantantes reunidos nesta edición do Ciclo de Lied compostelán; é unha das cantantes máis prometedores da nova xeración de cantantes británicos e a súa categoría vén avalada polo seu triunfo na última edición do esixente concurso de canto de Cardiff, no que obtivo o premio á mellor intérprete de lied 2007.

A soprano estará acompañada ao piano, como non podería ser doutro xeito, por Roger Vignoles, este espléndido e recoñecido pianista británico que, como cada ano, non faltou á súa cita co Ciclo de Lied da nosa cidade acompañando os catro concertos a catro cantantes de indubidable categoría e gran personalidade.

O Ciclo de Lied 2008 rematará o venres 3 de outubro coa suxestiva presenza do gran barítono inglés Thomas Allen.

Compartir: