TURISMO E CULTURA

Juan Pablo Etcheverry imparte un obradoiro de animación para nenos durante a Semana Oficial de Curtocircuíto

29/09/2008 Un grupo de cativos entre 8 e 10 anos terá a oportunidade de iniciarse na animación en plastilina da man do director Juan Pablo Etcheverry, gañador do Premio á Mellor Curtametraxe da Academia do Cine Europeo.

O Festival Internacional de Curtametraxes Curtocircuíto, organizado polas concellerías de Promoción Económica e Turismo e de Cultura, volve a reservar un espazo para os máis pequenos dentro do seu programa de actividades. Así ocorrera xa en 2006 co Seminario de Iniciación á interpretación e co Programa de Curtas para Nenos que se iniciou en 2007 (e que terá continuidade na edición de 2008).

O obradoiro está destinado a nenos de entre 8 e 10 anos e terá lugar nas instalacións da Facultade de Ciencias da Comunicación as tardes do martes 21 ao xoves 23 de outubro. O programa consistirá nunha aproximación lúdica á animación en plastilina ca técnica "stop motion" con medios dixitais, modelando, animando e montando unha curta que se proxectará na Gala de Clausurará, o 24 de outubro.

Entre outros galardóns, Etcheverry foi nomeado aos premios Goya en dúas ocasións e gañou o Premio á Mellor Curtametraxe da Academia do Cine Europeo coa súa curta Minotauromaquia. Etcheverry conta tamén cunha ampla experiencia como docente impartindo obradoiros e charlas en escolas e congresos.

Nesta V edición de Curtocircuíto realizaranse tres obradoiros de formación máis: unha "master class" sobre animación para os alumnos de Comunicación Audiovisual da USC, tamén da man de Etcheverry; o obradoiro Cinemar: postproducción e mestura de son, impartido nas modernas instalacións do estudio, e a masterclass de Estereoscopía, que traerá a Santiago de Compostela as últimas novidades de cinema en 3D.

As prazas para todos os obradoiros son limitadas. Xa é posible formalizar a inscrición a través da web do festival www.curtocircuito.org, onde tamén se pode atopar toda a información sobre os obradoiros, o concurso de curtas e as demais actividades de Curtocircuíto.

Compartir: