CULTURA

Sons da Diversidade cumpre cinco anos coas actuacións de Fuxan os Ventos, Manu Dibango e Aynur

26/09/2008 A Casa do Concello acolleu a presentación da programación do festival de música Sons da Diversidade para os meses de outubro, novembro e decembro. Ademais, a concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez, repasaron os cinco anos que cumpre o festival.

O festival Sons da Diversidade, logo do parón estival, continúa coa súa proposta musical que procura achegar ao Auditorio de Galicia unha mostra da diversidade musical de todo o planeta. Logo do éxito da primeira parte do programa, na que visitaron Compostela artista do nivel de Rufus Wainwright, Ute Lemper ou Laurie Anderson, o certame ofrece tres propostas musicais de raíz procedentes de Camerún, Kurdistán e Galicia.

O certame reanúdase coa actuación de Fuxan os Ventos, o 18 e 19 de outubro, unha agrupación histórica da tradición musical galega. Case dúas décadas despois de que o grupo fixese a súa última actuación, o espectáculo Terra de soños brindalles a oportunidade de gozar de Fuxan os Ventos tanto á xente que os coñece, lembra e ten aínda presentes, como ás novas xeracións.

O 9 de novembro achegarémonos á tradición musical do Camerún da man de Manu Dibango, artista que cumpre 50 anos no mundo da música. Na súa ampla traxectoria mantivo en todo momento unha curiosidade e sensibilidade innata mostrando un grande interese por estilos musicais diverxentes e diferentes. Unha primeira toma de contacto coa súa música déixalle a quen escoita un regusto de jazz, reggae, rap e outros elementos.

Xa para rematar a tempada de Sons da Diversidade, viaxaremos musicalmente ao Kurdistán acompañados da fermosa voz de Aynur. No seu repertorio entoa cos seus múltiples rexistros melodías ancestrais e explica historias relacionadas coa súa cultura; os instrumentos propios do seu país, como os davuls, mestúranse harmonicamente con guitarras eléctricas e sintetizadores. Unha demostración de complicidade entre tradición e modernidade.

Cinco anos de diversidade musical
Socorro García Conde aproveitou o acto para facer balanzo dos cinco anos que cumpre o festival. A edil destacou a importancia dun certame que, amais de achegar a Compostela grupos emerxentes e consolidados do panorama musical contemporáneo, "pon en contacto un espazo emblemático da cidade, como é o Auditorio de Galicia, con propostas musicais diversas procedentes de todo o mundo".

Ao logo deste lustro, artistas da talla de Bebo Valdés, Cesária Évora, Goran Bregovich ou Pablo Milanés viñeron a Compostela da man de Sons da Diversidade. Amais o certame ten reservado un espazo para a tradición musical galega que actúa en pé de igualdade coas demais propostas internacionais. Concertos como o de Milladoiro, Berrogüeto, Lamatumbá ou Uxía así o testemuñan.

Compartir: