PLENO

Todo listo para a entrada en vigor dun PXOM que fará pasar á cidade de 15 a 32 millóns de metros cadrados

25/09/2008 O Pleno tamén tomou coñecemento da Orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes de 1 de setembro de 2008 que aproba definitivamente o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Conclúe así despois de sete anos a tramitación dun Plan que, en palabras do alcalde, fará pasar á cidade de 15 a 32 millóns de metros cadrados, dos que seis serán para solo industrial, outros tantos para vivenda e catro para dotacións.

Sánchez Bugallo amosouse "orgulloso do contido e por sacar adiante" este PXOM, "cuns estándares de calidade que ningunha cidade de Galicia se atreve nin a plantexar". Destacou que, malia os sete anos, foi o máis rápido das cidades galegas e reiterou o seu compromiso co rural de revisar a parte que lles afecta, ben se modifica a Lei do Solo, ou no prazo de catro anos no caso de que esta norma non cambiara.

Esta aprobación coincide case no tempo coa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), o mércores 24, desta resolución da Xunta. O equipo redactor está a elaborar o texto refundido que incluirá as modificacións do orixinal. Será levado ao pleno de outubro e logo será publicado no Boletín Oficial da Provincia (BOP). Entrará en vigor aos 20 días desta publicación.

Patrimonio Público do Solo
Outro dos acordos plenarios foi a constitución formal do Patrimonio Público do Solo do Concello de Santiago de Compostela. Este requisito, esixido pola lexislación autonómica, é puramente formal, xa que a integración ou afectación dos bens municipais ao mesmo non require acto administrativo algún, senón que se produce automaticamente.

Así mesmo, aprobouse unha relación inicial de bens que na actualidade integran este patrimonio separado, sen prexuízo de que con posterioridade se completen e se sistematicen os bens e os datos relativos aos mesmos. Este patrimonio está composto polas parcelas 2 e 4 do proxecto de normalización de predios da rúa Betanzos; unha parcela da unidade de xestión de Santas Mariñas; dúas parcelas do SUNP-31 de San Marcos; a parcela PR-4 do proxecto de compensación do SUNP-4 das Cancelas; varias parcelas do SUNP-25 de Roxos; e participacións en dúas parcelas do PERI-7 de Pontepedriña.

Outros bens da relación son sete pisos na rúa Roma, 5-7 (Fontiñas); dous pisos na praza Sofía, 13; un piso na rúa Conxo de Arriba, 35; un local na praza Camilo Díaz Valiño, 15; un local e unha praza de garaxe na rúa Ponte de Sar, 43; e un local e oito prazas de garaxe da rúa Bernardo Barreiro, 12-14.

Compartir: