DEPORTES

O Polígono do Tambre acolle o Campionato de Galicia de Contrareloxo Individual Cadetes e Féminas

25/09/2008 As estradas do Polígono Industrial do Tambre serán o escenario o domingo 28 do Campionato de Galicia de Contrarreloxo Individual Cadetes e Féminas, organizado pola Federación Galega de Ciclismo e a Fundación Compostela Deporte coa colaboración do Concello de Santiago e da Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre (AEPIT). Daranse cita todos os equipos galegos con ciclistas nas categorías: cadete, júnior e elite femininas e cadete masculina.

O concelleiro de Deportes e vicepresidente da Fundación, Andrés Fariña, resaltou a "aposta clara" das institucións que representa polo ciclismo. "un deporte asequible e popular". Resaltou que "hai unha extraordinaria relación coa FGC, que facilita calquera tipo de proxecto deportivo. E co apoio a un campionato máis esperamos poder conseguir que máis xente practique este deporte en calquera das súas especialidades".

"Dende a Concellería e a Fundación queremos agradecer unha vez máis á Federación por traer a Santiago unha proba tan atractiva. E tamén a AEPIT, que non é a primeira vez que aposta por implicar aos empresarios composteláns e ao deporte", apuntou Fariña. Rematou indicando que "este tipo de eventos e probas nun futuro a curto prazo poden ter unha boa saúde dende o punto de vista económico para que se podan seguir celebrando".

A competición, que terá a súa saída na rúa Pasteur, comezará ás 11:00 horas co desenvolvemento da proba de féminas cadete, seguida das de féminas júnior, féminas elite e cadete masculina. Os/as participantes terán que dar dúas voltas a un circuíto de 2,6 quilómetros, totalizando unha distancia de 5,2 quilómetros.

Compartir: