PLENO

Visto bo ao estudo de detalle para a rehabilitación integral de Vista Alegre

25/09/2008 O Pleno municipal aprobou por unanimidade o estudo de detalle para a rehabilitación integral de Vista Alegre. Este documento, redactado polos arquitectos Celestino García Braña e Isabel Aguirre, ofrece unha cobertura normativa aos cambios físicos que se producirán en virtude desta intervención.

Rexeitada a única alegación presentada a este estudo, dáse así un novo paso nesta actuación, unha vez que a maioría de comunidades de veciños xa autorizaron a derruba das terrazas, condición necesaria para a colocación dos elevadores, unha dos aspectos principais da reforma. Nestes intres estase en vías de contratar o proxecto para a demolición das terrazas.

Ademais da cuestión das terrazas e dos elevadores, o estudo perfila a reordenación do sistema viario, co establecemento de rasantes que supoñen a supresión dos percorridos peonís existentes á altura da primeira planta. Tamén se suprimen outros que, discorrendo ao nivel de planta baixa, non o fan ao mesmo nivel que a vía á que serven. Estas rasantes e a súa relación cos espazos peonís adxacentes contemplarase no proxecto de urbanización.

Ademais, sinálanse aliñacións que resultan de liberar os espazos porticados e o emprazamento dos novos portais de acceso na planta baixa. Resólvese a transformación dos actuais sotos en plantas baixas, coa permisividade para uso comercial, e o traslado do portal de acceso á rúa a nivel de planta baixa. O aparcadoiro soterrado baixo o Parque San Xoán, cunha superficie de 2.983 metros cadrados e unha capacidade aproximada de 100 prazas nunha soa planta, tamén se reflicte.

Finalmente, formúlase unha proposta de iluminación exterior e as condicións concretas para a instalación de ascensores, dos núcleos de escaleiras, dos portais de acceso, da renovación de fachadas, da cubrición de antigas terrazas de doutros aspectos estéticos dos edificios.

O desenvolvemento da Área de Rehabilitación Integral (ARII de Vista Alegre implica a dotación, mediante convenios coas administracións públicas, de 5.390.000 euros en dúas fases. Na primeira fase contémplanse 200 actuacións e 20 máis na segunda. Neste investimento contémplase tanto a rehabilitación coma a reurbanización do espazo público. A de Vista Alegre foi a primeira ARI que se solicitou en Galicia fóra do ámbito dun casco histórico.

Compartir: