TURISMO

Vivir Compostela converte aos santiagueses nos mellores embaixadores da cidade

25/09/2008 Turismo de Santiago desenvolverá en outubro o programa Vivir Compostela, co obxectivo de converter ás persoas que viven en Santiago nos mellores embaixadores da cidade. Esta edición conta con 26 visitas e actividades de balde, seis máis que en 2007.

O concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou esta iniciativa, que permitirá aos composteláns ver a cidade tal como a ven os turistas. "Queremos conciencialos do seu papel no turismo e da súa contribución a seguir mantendo a Santiago como destino turístico de excelencia", apuntou.

En 2007 participaron en Vivir Compostela máis de 3.400 persoas e, dende a primeira edición, celebrada en 2002, xa participaron 20.000. Para responder a este crecente interese, Turismo de Santiago inclúe en 2008 seis novas visitas e ampliará os horarios dispoñibles.

As novas visitas responden a dúas liñas estratéxicas de Turismo de Santiago. Por unha banda, dentro da liña de fomento do turismo creativo, haberá unha visita guiada a talleres de artistas e outra aos oficios tradicionais. Por outra banda, no ámbito do turismo de natureza, haberá unha visita á ribeira do Sarela e outra ao patrimonio natural da universidade. Sobre a primeira, a concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, afirmou que "merece a pena descubrir este tramo, no que se entra en contacto con antigas curtidorías e muíños; coñecelo é o primeiro paso para valoralo". Ao respecto do segundo, o vicerreitor de Cultura da Universidade de Santiago, Elías Torres, expresou que "é un orgullo facer cidade" no seu papel de "custodios temporais de bens públicos.

As outras dúas novas visitas son ao Museo da Colexiata do Sar e ao Museo de Terra Santa. No programa tamén se inclúen visitas como á Cidade da Cultura, ás cubertas da Catedral, aos conventos de clausura, un tour gastronómico ou o tren turístico. Visitas todas estas coas que, en palabras do presidente da Comisión de Cultura e arte do Cabildo da Catedral, Salvador Domato, un se da conta que "ás veces un coñece a súa cidade cando lla ten que ensinar a alguén que vén de fóra".

Todas as persoas que estean interesadas en participar en Vivir Compostela poden consultar o catálogo de visitas na web www.santiagoturismo.com ou solicitar información nos teléfonos 981 935 345 e 981 592 333. Para inscribirse hai que cubrir un formulario dispoñible na propia web ou que se pode solicitar telefonicamente.

Compartir: