LINGUA

O luns 26 ábrese a convocatoria para inscribirse nos cursos de galego do outono

21/09/2005 A concellaría de Política Lingüística e a Secretaría de Política Lingüística da Xunta de Galicia convocan dous cursos de lingua galega, un de iniciación e outro de perfeccionamento, para o público en xeral.

Os cursos comezarán o 13 de outubro e terán unha duración de 60 horas lectivas. Impartiranse de luns a venres en horario de 19 a 21 horas no Instituto Xelmírez.

Todos os que queiran participar neste cursos poden inscribirse dende o 26 de setembro ata o 2 de outubro, ambos inclusive, no Rexistro Xeral do Concello (Rúa Presidente Salvador Allende 4, Baixo) debendo presentar cuberto o formulario que se facilitará na oficina municipal de Atención ao Cidadán (ou descargando o documento axunto a esta noticia), xunto cunha fotocopia do documento nacional de identidade. Se se solicita o curso de perfeccionamento deberá presentarse unha copia do título de iniciación.

A partir do día 4 de outubro poderán consultarse as listas de admisión no Departamento de Lingua Galega do Concello (981 542 409 / dlg@compostelacultura.org). Estas listas, ata completar as 35 prazas dispoñíbeis en cada un dos cursos, elaboraranse pola orde de entrada das solicitudes.

Os interesados que desexen máis información poden acudir ao Departamento de Lingua Galega (Casa do Concello, entrada pola avenida de Raxoi) ou á Oficina de Atención ao Cidadán (rúa de Salvador Allende) no Concello de Santiago.

Documentos relacionados



Compartir: