CULTURA

A Concellaría de Cultura presta o seu apoio ao novo Centro de Estudos da Música Popular Galega

23/09/2008 O Centro de Estudos da Música Popular Galega "aCentral Folque" bota a andar no mes de outubro en Santiago. A Concellaría de Cultura e a Consellaría de Cultura e Deporte apoian o nacemento deste novo proxecto que abarca o estudo e a promoción da nosa tradición musical, así como a formación de novos talentos.

O proxecto "aCentral Folque" constitúese como un centro formativo profesional para a investigación e docencia da música galega tanto para adultos coma para cativos. Galicia únese así a experiencias semellantes xa postas en marcha en Irlanda, Andalucía ou Hungría. Para isto mantén relación con centros análogos de Cataluña, Bretaña, Portugal e Cuba.

O centro impartirá clases na Escola de Altos Estudos Musicais e ten a súa sede na rúa Salvadas, 22, en Santiago. O proxecto está patrocinado pola Consellaría de Cultura e Deporte a través de Agadic, o Concello de Santiago e o Consorcio de Santiago, coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela.

O proxecto educativo de "aCentral Folque" caracterízase pola súa amplitude, polo desenvolvemento curricular e pola súa aposta pola profesionalización. Para este curso 2008-2009 haberá 120 prazas, que se agarda que se cubran na súa totalidade, para o que haberá probas de acceso. O centro ten un acordo coa USC para recoñecer as horas lectivas para a súa convalidación por créditos de libre configuración.

Novo curso
O centro, que comeza o curso o 11 de outubro, terá por directora á cantante Ugía Pedreira, estandarte dun cadro de profesores de altura, todos eles recoñecidos no circuíto do folk e integrantes de diversos grupos: Guadi Galego, vocalista de Berrogüeto; Francisco Estevez "Chuzo", percusionista; Edelmiro Fernández, gaiteiro; Óscar Fernández, zanfonista de bOnOvO; Kim Fariña, violinista de Berrogüeto; Roberto Sala, frautista; Benxamín Otero, profesor de linguaxe musical; e Ramón Piñeiro, investigador e director artístico do Centro Galego de Música Popular.

O plan de estudos está organizado en catro cursos divididos en dous ciclos. Inclúe aulas teóricas e prácticas, e unha materia obrigatoria de "Historia da música popular galega", como elemento contextualizador dun currículo interdisciplinar que contempla formación en linguaxe musical, instrumentos, improvisación, interpretación colectiva... xunto coa participación en cursos monográficos, conxuntos instrumentais e concertos e espectáculos de fin de curso. Os instrumentos nos que se pode formar o alumnado son canto, percusión, gaita galega, zanfona, acordeón diatónico, violín, frautas e requinta.

Un dos obxectivos primordiais desta escola é formar músicos profesionais con capacidade de crítica pero sobre todo cun gran potencial creativo que redunde na singularidade da nosa música popular.

Compartir: