CULTURA

Remata o prazo de alegacións ao censo provisorio do Consello de Compostela Cultura

18/09/2008 O venres 19 de setembro remata o prazo previsto para formular alegacións, solicitudes de cambio de adscrición ou a inclusión no censo do Consello de Compostela Cultura. As alegacións e solicitudes puideron presentarse dende o 9 de setembro, é dicir durante 10 días hábiles, unha vez se fixo público o censo provisorio. Co remate do prazo de alegacións ábrese a fase da conformación do censo definitivo, que se publicará o luns 29 de setembro.

O Consello de Compostela Cultura xorde coma un organismo consultivo que actuará como dinamizador, coordinador e impulsor da política cultural do Concello. Na súa composición reflectirase a pluralidade de axentes que interveñen na política cultural municipal. A súa implicación neste órgano de participación debe permitir a confluencia da cidadanía e do concello na definición de estratexias culturais da cidade.

Serán funcións do Consello, entre outras, propoñer o ámbito de intervención prioritario das políticas culturais, formular propostas e planos de actuación municipal, propoñer mecanismos de coordinación entre os axentes culturais, emitir informes, participar na avaliación das actuacións municipais e fomentar a vida asociativa no ámbito cultural.

Este órgano estará composto, ademais de polos representantes municipais, do Consello Municipal de Centros Socioculturais e do Auditorio de Galicia, por representantes da Consellería de Cultura e Deporte, da Universidade, do Consello da Cultura Galega, das fundacións culturais , das industrias culturais, dos grupos de artes escénicas e musicais amadores, do asociacionismo e dos artistas e creadores. Este Consello renovarase cada catro anos.

O Consello de Compostela Cultura reunirase ordinariamente unha vez por cuatrimestre e, con carácter extraordinario, por convocatoria do seu presidente ou cando así o solicitaran un terzo dos seus membros. Poderá formar comisións no seu seo, que facilitarán a súa funcionalidade.

Para calquera dúbida ou información sobre este proceso, os interesados deben dirixirse ao Departamento de Cultura, Teatro Principal, Teléf. 981 542 347; correo electrónico: consellocultura@compostelacultura.org.

Compartir: