CENTROS SOCIOCULTURAIS

A Rede de Centros Socioculturais programa máis de 140 actividades para a temporada de outono

18/09/2008 A concelleira de Centros Socioculturais, Socorro García Conde, presentou a programación desta área para os meses de outono. Son máis de 140 actividades, específicas e comúns, a desenvolver polos seis centros cabeceira co obxectivo de "dinamizar os barrios e propiciar a interrelación social".

O programa de actividades de outubro a decembro aparece por primeira vez recollido nunha publicación, que aposta por unha presentación agrupada por cada centro: Aurelio Aguirre (Conxo), Castiñeiriño, O Ensanche, Fontiñas, José Saramago (Vite) e A Trisca. "Este é un proxecto experimental, que pretende darlle estabilidade á programación e aberto a mellorar", apuntou Socorro García Conde. Sobre o contido deste calendario de accións, destacou que é "amplo, variado e para diferentes públicos".

A concelleira puxo especial énfase nas actividades xeradoras desa interrelación entre xeracións da que falaba. Así, puxo como exemplo os "Domingos en familia", unha actividade que na que nenos e maiores participarán en sesións de contacontos, monicreques, teatro, música, documentais ou maxia. Nesta mesma liña está a actividade "Letras vivas animación", con teatro e contacontos.

Ademais de todo isto, non faltarán os cursos e obradoiros diversos, o deporte, o cinema, as exposicións, os xogos, o teatro, as charlas, a danza ou as distintas actuacións musicais. Tamén están programadas durante os tres meses ata 6 excursións: Andalucía (1 ao 5 de outubro), Comarca de Viana (11 de outubro), Comarca do Ribeiro (8 de novembro), Ruta dos Museos (15 de novembro), Ciudad Rodrigo, Alberca e Salamanca (22 e 23 de novembro) e Rota dos Beléns (20 de decembro).

Compartir: