COMERCIO

Ábrese o prazo de inscrición na edición de outono do Concurso de Escaparatismo

16/09/2008 A Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo abriu o prazo de inscrición na Edición de Outono do V Concurso Municipal de Escaparatismo SCQ Shopping 2008, que finaliza o 3 de outubro. A Concellaría xa comezou a entregar as bases do certame aos aproximadamente 2.500 estabelecementos comerciais que existen en Santiago.

Os comercios interesados poden apuntarse de balde. Só teñen que cubrir o Boletín de inscrición que atoparán ao final das bases do concurso, na páxina web da Concellaría de Promoción Económica www.maiscompostela.org. e envialo por fax ao número 981 554 296. Tamén se pode realizar a inscrición enviando un correo electrónico a escaparatismo@santiagodecompostela.gal, no que consten os seguintes datos: nome do estabelecemento, sector ao que pertence, nome e apelidos do propietario, enderezo, teléfono, fax e correo electrónico (se o teñen).

Os premios para os gañadores consisten en investimentos en promocións publicitarias a nivel local por valor de 3.450 euros para o primeiro clasificado, de 2.000 euros para o segundo, e de 1.500 euros para o terceiro. Este ano 2008 os comercios gañadores escollen os soportes e os medios de comunicación nos que queren publicitarse. Ademáis, os comercios inscritos no Concurso poden acollerse ao Programa de acceso á publicidade destinada ao sector comercial/empresarial de Compostela. Esta iniciativa ten por obxectivo fomentar o uso da publicidade como un investimento rendible a través de descontos nas tarifas de comercios e empresas que participan ou colaboran en programas organizados pola Concellaría de Promoción Económica.

O xurado no que se integran asociacións de comerciantes, consumidores e expertos na materia, valora especialmente a orixinalidade, ambientación e eficacia da mensaxe publicitaria atendendo ás condicións dos establecementos. No certame prima tanto o escaparate como o interior do comercio. Este xurado está formado por representantes da Concellaría de Promoción Económica e Comercio, da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, da Asociación de Comerciantes de Santiago ACOTES, da Asociación de Comerciantes e Profesionais Centro Comercial Aberto Compostela Monumental, da Fundación Santiago Centro Área Comercial, de Euroconsumo Galicia, do Grupo Correo Gallego, e un experto en imaxe, marketing e comunicación.

Compartir: