ALCALDÍA

O alcalde de Santiago participa nos actos do XV aniversario do Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade de España

16/09/2008 O Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade de España celebra o XV aniversario da súa constitución. Por este motivo, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, está en Ávila, onde participará cos rexedores municipais das outras 12 cidades nos actos programados para esta celebración.

Os actos comezarán o martes 16 cunha xuntanza dos alcaldes co director do World Heritage Center (Centro do Patrimonio Mundial), Francesco Bandarin. A continuación, haberá unha rolda de prensa conxunta.

Ao día seguinte celebrarase a Asemblea Xeral Extraordinaria do Grupo e a inauguración do rehabilitado Palacio dos Verdugo, que será a sede da Secretaría Xeral deste organismo. Neste mesmo lugar inaugurarase unha exposición fotográfica sobre as cidades do Grupo.

O acto central deste décimo quinto aniversario terá lugar ás 12:00 horas, presidido pola Infanta Cristina de Borbón. No Auditorio San Francisco recordaranse os quince anos do Grupo, constituído o 17 de setembro 1983 e integrado inicialmente por seis cidades: Ávila, Cáceres, Salamanca, Santiago de Compostela, Segovia e Toledo. Posteriormente foron engadíndose outras ata as 13 actuais: Alcalá de Henares, Córdoba, Cuenca, Ibiza, Mérida, San Cristóbal de La Laguna e Tarragona.

Xa pola tarde, inaugurarase o Curso de Xestores nas Cidades Patrimonio da Humanidade de España. Os actos pecharanse cun concerto da Orquestra Sinfónica e do Coro Ciudad de Ibiza, que presentarán a música composta para o grupo polo compositor Miguel San Miguel.

Compartir: