CULTURA E CONSORCIO

A Real Filharmonía inicia á súa temporada de concertos cunha misa de Mozart na Catedral

15/09/2008 Logo de varios meses de traballo conxunto, a Real Filharmonía presenta os seus concertos para a próxima temporada 2008/2009, que iniciará o 26 de setembro cun concerto na Catedral de Santiago, con Antoni Ros Marbà á fronte. O protagonista desta actuación será Mozar, coa súa Missa Solemnis en Do maior. En total serán 30 concertos os que completarán a programación no Auditorio de Galicia, nas súas xa tradicionais sesións dos xoves ás nove da noite.

Antes do inicio da temporada, a orquestra participará, baixo a batuta de Paul Daniel e acompañada polas voces da soprano Mariola Cantarero e o barítono Fabio Capitanuci, na Gala Lírica do Festival da Ópera da Coruña. Non será esta a única actuación da RFG fóra da súa sede. Está previsto un concerto no Teatro Monumental de Madrid, acompañada pola pianista Cristina Bruno, así como unha especial cita co Palau da Música Catalá, no ano do seu centenario, polo que o 9 de marzo, a orquestra, baixo a batuta de Ros Marbà, rememorará un programa composto por estreas históricas mundiais que tiveron lugar no Palau barcelonés ao longo do seu século de historia, como o Cant espiritual de Montsalvatge, o Concerto para violín de Alban Berg, o Concerto para clave de Manuel de Falla ou o Concerto de Aranxuez de Joaquín Rodrigo, que se presentou por primeira vez en 1944. Xa en maio, a RFG viaxará ata Sevilla, para actuar no Teatro da Maestranza.

Destacados solistas
A temporada segue o mesmo esquema das anteriores, co que, ademais do concerto de inauguración na catedral compostelá, o público gozará cos tradicionais concertos de Reis e Nadal. Este último, que terá lugar o 19 de decembro, suporá a conmemoración especial dun aniversario: o mestre Ros Marbà celebrará coa Novena Sinfonía de Beethoven o seu noveno ano á fronte da orquestra compostelá, que actuará acompañada da Sociedad Coral de Bilbao, coa que repetirá concerto o 22 de decembro na capital biscaíña.

Ademais, polo Auditorio de Galicia pasará un selecto grupo de directores e solistas, entre os que destacan as batutas internacionais de David Atherton, Anne Manson, Tuomas Ollila-Hannikainen, Frans Brüggen ou Theodor Guschlbauer, así como as de Pablo González, José Ramón Encinar, Maximiano Valdés e Juanjo Mena. A eles sumaranse os violinistas Daniel Hope, Cho-Liang Lin e Viviane Hagner, os cellistas Adolfo Gutiérrez e Asier Polo, o viola Lawrence Power, o trompa Eric Terwilliger e os pianistas Paul Crossley, Herbert Schuch, Jorge Federico Osorio, Tzimon Barto, Luís Fernando Pérez, Cristina Bruno, Andrei Gavrilov e Nikolay Lugansky, quen pechará a tempada en xuño de 2009.

No plano vocal destacan as actuacións de Mélanie Diener, Soojin Moon e Stephanie Houtzeel, e a actuación, en decembro, da prestixiosa Sociedad Coral de Bilbao, que porá voz á Novena de Beethoven. Ademais, ás xa tradicionais visitas da veciña Orquestra Sinfónica de Galicia, uniranse, en febreiro, a Orquesta Sinfónica do Principado de Asturias e a Orquesta Sinfónica de RTVE.

Ciclo de piano Ángel Brage
Así mesmo, un total de tres concertos enmarcados na temporada de abono renderán homenaxe ao pianista compostelán Ángel Brage. O ciclo organízase baixo o mecenado de Castrosúa, Eduardo Beiras García-Martí, Egasa, Fundación Araguaney e Televés. Deste xeito, con motivo do vintecinco aniversario da morte do músico, actuarán no Auditorio de Galicia os pianistas Olli Mustonen, Arcadi Volodos e Christian Zacharias. Trátase, polo tanto, dunha música variada e para todos os gustos, destinada a conformar unha oferta cultural de primeira orde na cidade.

Concertos didácticos
Como vén sendo habitual desde 1996, o Auditorio de Galicia programará sesións de concertos didácticos dirixidos a escolares galegos. Organizados a modo de sesións pedagóxicas, os programas adáptanse ás diferentes franxas de idade e promoven o coñecemento da música sinfónica entre os máis pequenos. Ademais poñense a disposición dos centros escolares guías didácticas para traballar no aula previamente. Todos eles estarán dirixidos polo mestre compostelán Maximino Zumalave.

Estes concertos didácticos coa Real Filarmonía compartirán programa con outras sesións no Auditorio dedicadas á guitarra flamenca (Marcos Teira), teatro (Sarabela Teatro), jazz (Abe Rábade), danza contemporánea (Centro Coreográfico Galego) e lírica (Laura Alonso).

A novidade: ensaios abertos
Como novidade da nova temporada, a orquestra abre os seus ensaios ao público nunha iniciativa que pretende ser unha forma diferente de achegarse ao traballo cotián da Filharmonía. Organizados en colaboración co Auditorio de Galicia, oito ensaios xerais doutros tantos concertos de abono serán accesibles gratuitamente para colectivos cidadáns de Santiago e para o público en xeral. Ademais, unha vez rematado o ensaio realizarase un encontro informal co director da orquestra.

Música na Compañía
Logo da experiencia pioneira que supuxeron os nove concertos de cámara celebrados durante a temporada pasada, diferentes formacións da orquestra compostelá volverán ser protagonistas do ciclo Música na Compañía. Organizado pola Vicerreitoría de Cultura en colaboración coa Real Filharmonía de Galicia, o ciclo pretende unir os conceptos de música e patrimonio e achegar a música de cámara ata o corazón da cidade histórica de Compostela.

Á calidade artística dos diferentes compoñentes da orquestra santiaguesa, únese o carácter monumental da igrexa da Compañía, verdadeira xoia do barroco. Este novo proxecto artístico, impulsado dende a Real Filharmonía, permite ao público gozar da música da orquestra a través dos seus solistas, que para a ocasión agrúpanse en cuartetos e quintetos e interpretan un variado repertorio de música de cámara.

Ademais, e de forma pioneira, as formacións de cámara serán protagonistas de varios concertos nos centros socioculturais de Fontiñas, Conxo, Castiñeiriño, Vite e o Ensanche.

Ademais, como xa vén sendo costume, a Real Filharmonía estará presente ao longo do ano noutras cidades de Galicia, como A Coruña, Vigo, Lugo, Ourense ou Pontevedra. Xunto ao director titular, Antoni Ros Marbà, tamén se porán á fronte da Real Filharmonía o compostelán Maximino Zumalave, como director asociado, e o británico Paul Daniel, como principal director invitado.

Venda de abonos
Como todos os anos, o Auditorio de Galicia ofrece catro modalidades de abono para asistir aos diferentes concertos da temporada. Ademais mantense o abono especial para estudantes e xubilados, que supoñen un aforro do 50%. Como experiencia pioneira, esta temporada porase á venda a modalidade de abono colectivo para asociacións culturais e veciñais, escolas de música públicas e centros educativos públicos. Trátase de 50 abonos que sairán á venda por 153 euros cada un e que permitirán a asistencia de catro persoas pertencentes a estes colectivos por cada concerto, o que supón un prezo de 1,27 euros por entrada.

Todas estas novidades foron presentadas no Auditorio de Galicia nunha rolda de prensa na que participaron a concelleira de Cultura, Socorro García Conde; o xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva; o xerente do Auditorio, Paulo Rodríguez; e o director técnico da Real Filharmonía de Galicia, Oriol Roch Izard.

Compartir: