ALCALDÍA

Santiago, única cidade española cun espazo propio na Biennale de Arquitectura

15/09/2008 A ministra de Vivenda, Beatriz Corredor, inaugurou a mostra "Do construído á arquitectura sen papel", da que forman parte 50 arquitectos españois de dúas xeracións e conforman o Pavillón de España na 11ª Mostra Internazionale di Architettura, a Biennale di Venezia. A cidade de Santiago de Compostela está representada neste importante evento con sete obras que o arquitecto Víctor López Cotelo desenvolveu en colaboración co promotor José Otero Pombo.

É de salientar que a nosa cidade ocupa un único espazo dos sete nos que se divide o Pavillón de España, e por iso o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, asistiu ao acto de apertura da Biennale, onde tivo a oportunidade de departir coa ministra de Vivenda arredor dos proxectos de renovación urbana de Santiago. O alcalde explicou que a obra de López Cotelo é xa un modelo para a rehabilitación de cidades históricas de todo o mundo, no que se respecta o contorno ao tempo que se integra coa vida da cidade.

A capital galega é a única cidade española que conta cun lugar preferente no Pavillón e a que máis proxectos ten expostos nesta edición da Biennale.

Compartir: