EDUCACIÓN

Normalidade no inicio dun curso escolar no que aumentou a matrícula

12/09/2008 A concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, constatou hoxe a normalidade coa que se iniciou o curso nos colexios públicos da cidade. A edila visitou dous centros, o Pío XII e o CEIP de Fontiñas e por último desprazouse ata a escola infantil deste barrio.

Gudalupe Rodríguez amousouse satisfeita pola "normalidade absoluta nas aulas" e por atopar entre o alumnado "moitas sorrisas" xa que, salientou "é gratificante ver como se inician as actividades escolares con ilusión". Así memos, desexou a alumnos e profesores que "o curso transcurra con normalidade e que sexa fructífero na aprendizaxe para empezar ben e rematar mellor".

A respecto de problemas puntuais a concelleira sinalou que na mañá de hoxe se puxo en contacto co director do colexio de Roxos, onde a intervención profunda que realizou a Xunta non puido ser acabada na época estival. Non obstante, o centro abrirá a principios da semana que vén. No caso do López Ferreiro, a edila asegurou que a Xunta xa está a solventar o problema de falta dalgún profesor.

Guadalupe Rodríguez tamén se desprazou ata a escola infantil de Fontiñas onde lembrou que este curso se puxo en marcha a galescola de San Roque, que en breve estarán en funcionamento a do Tambre e, para o curso 2009-2010, a de Trasparlamento. A estas sumaríanse outras dúas, no Castiñeiriño e Santa Marta-Choupana, e dentro do plan Urban, outra máis para a zona norte. Xa que logo, a previsión do Concello é que en tres anos Santiago dispoña de dez escolas infantís (completan a cifra as de Conxo, Vite e Santa Susana) cunha capacidade de preto de 1000 prazas.

Neste curso 2008-2009 a matrícula medrou por quinto ano consecutivo. A cidade está por riba dos 4.000 alumnos nos 15 colexios públicos dos que dispón, dato a ter en conta xa que en Santiago existe unha abundante oferta de centros privados e concertados.

Compartir: