ALCALDÍA

Nas vindeiras semanas poñeranse as marchas as comisión que preparán a presenza de Santiago na expo de Xangai e o Ano Santo 2010

11/09/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, anunciou na súa comparecencia semanal ante os medios de comunicación, que nas próximas semanas se constituirán as dúas comisión acordadas na última xuntanza do Consello da Capitalidade cuxo obxectivo será preparar a cidade para o Xacobeo de 2010 así como definir os detalles da participación de Santiago na Expo de Xangai que se celebrará ese mesmo ano. O rexedor tamén salientou a súa satisfación polo decisión do goberno central de entrar a avalar a construción de vivenda protexida e polo bo inicio do curso escolar nos centros públicos do Concello.

Sánchez Bugallo indicou que a preparación dos grandes eventos que terán lugar en 2010 "comeza a tomar forma" xa que proximamente se constituirán as comisións específicas que se acordaron no seo do Consello da Capitalidade. A primeira delas estará formada por catro directores xerais das consellerías de Presidencia, Economía, Innovación e Cultura, e terá como misión articular a presenza de Santiago na Expo de Xangai 2010. Precisamente, este luns, o rexedor compostelán desprazábase ata Zaragoza para asinar o acordo de participación no evento.

A segunda das comisións, que abordará a preparación da cidade de cara ao Ano Santo en asuntos como a seguridade ou a recepción e atención de visitantes, estará integrada, por parte da Xunta de Galicia, por directores xerais das consellerías de Presidencia, Innovación e Cultura. Agora o Concello designará aos seus representantes en ambas comisións como paso previo para que se inicien os traballos de colaboración entre ambas administracións.

Inicio do curso escolar
Na xornada do comezo do curso escolar para moitos rapaces, o rexedor compostelán quixo salientar a normalidade coa que se iniciou nos centros públicos da cidade. Tan só se retrasou a entrada ata o luns no centro de Roxos, onde se están a acometer obras importantes de mellora dos servizos do colexio. Bugallo salientou ademais que a matrícula medrou por quinto ano consecutivo e tamén aumentou a demanda en infantil. A cidade está por riba dos 4.000 alumnos nos 15 colexios públicos dos que dispón, dato a ter en conta xa que en Santiago existe unha abundante oferta de centros privados e concertados.

Con respecto ao anuncio do goberno central de avalar a construción de vivenda protexida, o alcalde mostrou o seu respaldo á decisión e manifestou que "é necesario que a administración pública avale créditos deste tipo para que faga viable a construción de vivenda protexida". Santiago, resaltou, "é un referente na construción deste tipo de vivenda".

Depuradora coa tecnoloxía máis avanzada
O alcalde tamén tivo palabras de apoio para os veciños de Rial, na parroquia de Laraño, afectados pola construción da próxima depuradora da cidade. Sánchez Bugallo mostrou a súa compresión e anunciou que xa se reuniu con eles e que se volverá reunir a semana que vén. Sinalou que se están buscando as solucións para que este servizo resulte o menos molesto posible para os veciños, e facendo todo o posible para que o modelo que se instale sexa o que incorpore a última tecnoloxía na materia.

A depuradora é un servizo de capital importancia "ao que non se pode renunciar" xa que actual é insuficiente. A nova "solventará os problemas de saneamento da cidade de aquí a un par de décadas".

Por último, Sánchez Bugallo referiuse a un tema que acadou gran sona nos últimos días: a incautación de vieiras ilegais. O rexedor fixo un chamamento á calma e sinalou que tanto o sector como as administración teñen que tomar todas as medidas necesarias para que non haxa feitos que minen a confianza do consumidor na gastronomía galega e na compostelá.

Compartir: