XUNTA DE GOBERNO

O Ministerio de Medio Ambiente concede unha axuda para transformar o biogás xerado no vertedoiro de Piñor en enerxía eléctrica

09/09/2008 A Xunta de Goberno Local, na súa xuntanza semanal, tratou este tema entre outros, como a aprobación do prego para subministrar novos uniformes á Policía Local ou o visto bo a un plan de asesoramento ao comercio de Santiago por importe de 30.000 euros.

De conformidade coa comunicación efectuada ao Concello pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Xunta, o Ministerio de Medio Ambiente concedeulle a Galicia unha axuda directa para a elaboración de proxectos e a construción de instalacións de desgasificación en cinco vertedoiros de residuos sólidos urbanos, un dos cales é o de Santiago de Compostela. A xeración de biogás prodúcese como consecuencia da fermentación anerobia da materia orgánica dos residuos sólidos urbanos que contén, neste caso, o vertedoiro de Piñor, actualmente selado. A iniciativa tratada na Xunta de Goberno permitirá que a combustión deste biogás se poida valorizar como enerxía eléctrica para empregar no propio recinto do vertedoiro.

Aos efectos da xestión destas axudas, a Dirección Xeral require a remisión dunha solicitude de valorización eléctrica do biogás xerado no vertedoiro e a porcentaxe de financiación peticionada. Deste xeito, a Xunta de Goberno Local envía a pertinente solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Xunta a pertinente solicitude así como o 100% do custo da súa execución.

Ademais desta cuestión a Xunta de Goberno Local abordou outros asuntos, un deles o Plan de asesoramento ao comercio de Santiago, ao que lle deu o visto bo por un custo de 30.000 euros. Dentro da mesma proposta aprobouse o nomeamento de dous funcionarios interinos na praza de titor polo período comprendido entre o 15 de setembro e o 31 de decembro.

Así mesmo, aprobáronse os pregos de cláusulas administrativas e de condicións técnicas, así como o expediente para a contratación do subministro de uniformidade para o persoal da Policía Municipal por procedemento aberto establecéndose o tipo de licitación en función dos seguintes lotes:
- prendas de uniformidade a medida: 49.580 euros
- accesorios: 33.566
- calzado: 40.563
- uniformidade de campaña e prendas deportivas: 17.668.

Por último, acordouse a contratación da Asociación Galicia Acolle para desenvolver, dentro do eixe de Educación e Programa de Intervención socioeducativa de apoio, a actividade Acción de interculturalidade e reforzo educativo, cunha contía total de 8.000 euros.

Compartir: