ALCALDÍA

O alcalde asina en Zaragoza o contrato para a participación de Santiago na Expo Xangai 2010

09/09/2008 Na súa intervención, o alcalde destacou o que supón a presenza de Santiago na Expo Universal de Xangai 2010, un ano, dixo, no que será moi importante "facer partícipes aos nosos concidadáns", ao coincidir coas celebracións do Ano Xacobeo e que suporá a "chegada da nosa cidade á súa madurez internacional".

Baixo o lema "Mellor cidade, mellor vida" Santiago de Compostela mostrará na Expo Xangai 2010 o traballo realizado nunha das áreas ás que máis esforzos se lle ten dedicado desde principios dos 90 ata a actualidade: as Boas Prácticas Urbanas. O alcalde compostelán, Xosé A. Sanchez Bugallo, asinou hoxe no Concello da capital aragonesa, xunto aos alcaldes e representantes das cidades de Madrid, Barcelona, Bilbao e Zaragoza a declaración de adhesión de Santiago de Compostela para a participación na UBPA-Expo Xangai 2010.

Santiago, que compartirá pavillón con Bolonia, Praga e Seúl, amosará ao mundo o traballo realizado na área das boas prácticas urbanas xunto a un exclusivo grupo de cidades que ocuparán un espazo privilexiado de 15 áreas do recinto feiral da Expo, nunha antiga zona industrial rehabilitada, a partir do 1 de maio de 2010 en Pudong (Xangai).

O proxecto global de cidade, polo cal Santiago recibiu numerosos premios e recoñecementos poderase contemplar baixo o epígrafe "Santiago, unha cidade histórica como modelo de futuro". Trátase da primeira vez que unha Exposición Universal proporciona un espazo propio ás cidades, o que resulta "un acerto", dixo Bugallo tras a sinatura de adhesión de Santiago á Expo. Tendo en conta que "máis do 80% da poboación mundial habita en cidades", sinalou, e estas son un lugar clave "de encontro e convivencia entre diferentes culturas e pobos", constitúen "o maior espazo de liberdade, progreso e convivencia para o futuro".

Santiago, entre as 44 mellores propostas mundiais para facer as cidades máis habitábeis dentro dun modelo de desenvolvemento urbano sostíbel, mostrará a súa experiencia como cidade histórica que "entende que o seu casco antigo non é unha carga senón un enorme capital de futuro", explicou o alcalde compostelán. "A construcción dun proxecto urbano non require destruír o noso patrimonio nin o noso medio ambiente senón todo o contrario: conseguir un espazo con máis calidade de vida", engadiu.

Compartir: