TRANSPORTES

O transporte urbano amplía os seus servizos no novo horario de inverno

08/09/2008 O vindeiro 11 de setembro comezará a nova tempada dos horarios de inverno 2008 – 2009. A súa posta en marcha, presentada polo concelleiro de Transportes, Carlos Nieves, supón un importante incremento de frecuencias con respecto ao verán así como a incorporación de novos servizos que non funcionan na época estival como é o caso da liña 9.

Ademais da ampliación de horarios e servizos o Concello de Santiago, a través empresa municipal TUSSA, márcase como obxectivo unha substancial mellora na información do transporte urbano colectivo aos cidadáns. Por iso levaranse a cabo as seguintes actuacións e melloras:

•Edición de máis de 30.000 folletos informativos que se repartirán nos principais centros xeradores e atractores de viaxeiros, así como nos propios autobuses, a partir do día 9 de setembro.

•Renovación da información nas marquesiñas de transporte urbano, clarificando aínda máis as liñas que pasan por cada unha. Deste xeito, pásase dunha información estática, na que se informaba de todas as liñas, a unha información máis específica, favorecendo deste xeito a comprensión dos horarios por parte dos usuarios.

•En todas as marquesiñas aparecerá o teléfono de información permanente 901 12 00 54, no que se informará de todos os aspectos relacionados co transporte urbano colectivo (tarifas, horarios, obxectos perdidos…), así como a información a tempo real do paso do seguinte autobús. O horario deste servizo é de 07.00 a 23.00 horas.

•Ao longo deste trimestre, nomearanse e numeraranse todas as paradas de transporte urbano, acadando deste xeito un censo definitivo e accesíbel de todas as paradas de transporte urbano. Esta medida favorecerá sen lugar a dúbida a todos os usuarios da nosa rede de transporte xa que permitirá unha mellor localización e solicitude de información acerca das mesmas.

•Así mesmo, nas vindeiras semanas presentarase a nova páxina web con servizos actualizados e mellora da interacción cos usuarios.

Melloras nos servizos a Casas Novas, ao Tanatorio Municipal de Boisaca e a Volta do Castro
O novo horario de inverno trae consigo un aumento do número de expedicións ao barrio de Casas Novas: os sábados pola tarde a liña 4 do transporte urbano dará servizo aos veciños da zona cun total de 3 expedicións entre o barrio e o centro da cidade, e 2 expedicións entre o centro e Casas Novas. Así mesmo, os domingos e festivos contarán tamén con 4 expedicións entre o barrio e o centro da cidade e 3 expedicións en sentido contrario.

Tamén se pon en marcha un novo servizo que cubrirá as zonas de Guadalupe, Camiño dos Vilares e tanatorio municipal de Boisaca: os sábados pola tarde un total de 3 expedicións unirán estas zonas e o centro da cidade en ámbolos dous sentidos. Así mesmo, os domingos e festivos contarán con 4 expedicións entre o barrio e o centro da cidade e 3 expedicións en sentido contrario.

Por último, as liñas C2 e C4 modificarán o seu percorrido para dar servizo ás novas urbanizacións de Volta do Castro; estas modificacións levaranse a cabo nas vindeiras semanas debido a unhas pequenas modificacións estruturais pendentes de realizar na zona.

Boa acollida das demais iniciativas de Tussa
O concelleiro de Transportes, Carlos Nieves, fixo tamén un primeiro balance de dúas iniciativas que recentemente puxo en marcha o departamento que dirixe a través da empresa municipal Tussa: o servizo de bicicleas e o de alcoholímetros gratuítos nos aparcamentos públicos da cidade.

No que respecta ao primeiro deles, o edil informou de que xa se teñen expedido 236 tarxetas para o emprego de bicicletas, cunha media de 15 a 20 desprazamentos diarios e 20 minutos por traxecto. Trátase dunha cifra importante, segundo salientou Nieves, tendo en conta que nos atopamos no verán. De cara ao outono o departamento espera que o número de usuarios vaia en aumento.

En xullo Tussa puxo en marcha unha iniciativa pioneira: a posibilidade de empregar un alcoholímetro de forma gratuíta antes de coller o coche nos aparcamentos públicos de Xoán XXII e Belvís. No primeiro dos párkings realizáronse 16 probas e 8 persoas optaron por deixar os seus vehículos. En Belvís, foron 35 os controis realizados e 9 os vehículos deixados. O concelleiro anunciou que neste mes de setembro manterá as reunións pertinentes para poder estender esta medida ao resto dos párkings da cidade.

Compartir: