Expo Xangai 2010

Bugallo asinará o luns en Zaragoza o contrato para a participación de Santiago na Expo Xangai 2010

06/09/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, acudirá este luns 8 de setembro a Zaragoza para participar na cerimonia de sinatura de contratos para a participación na UBPA-Expo Xangai 2010. Aproveitando a súa estancia na cidade, Sánchez Bugallo visitará a Expo Zaragoza 2008.

No acto, que dará comezo ás 19.00 h. no salón de recepcións do Concello de Zaragoza coa benvida do alcalde da cidade, Juan Alberto Belloch, asinarán a declaración de adhesión as cidades de Madrid, Barcelona, Bilbao, Zaragoza e Santiago de Compostela. Ademais asinarán unha carta dirixida ao Ministro de Economía solicitando que a Expo de Xangai de 2010 se declare acontecemento de excepcional interese público, aos efectos da Lei 49/2002 de Réxime Fiscal das Entidades sen Fins Lucrativos e dos Incentivos Fiscais ao Mecenazgo.

Na cerimonia de sinatura, os alcaldes ou representantes das cinco cidades españolas participantes farán unha pequena intervención explicando o que significará estar presentes na Exposición baixo o lema de "Mellor cidade, mellor vida". Tamén falará o vicealcalde de Xangai, Yang Xiong,

O proxecto de Santiago de Compostela, situado no ámbito da Área de Boas Prácticas Urbanas dentro do apartado "Protección e uso do patrimonio histórico", fai referencia ao deseño global de cidade desenvolvido desde principios dos 90, así como á súa continuidade de cara ao futuro, que se recolle no recén aprobado Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Baixo o lema "A cidade histórica como modelo para o futuro", Santiago participará nun pavillón xunto cun exclusivo grupo de cidades de todo o mundo, ocupando un espazo privilexiado de 15 áreas do recinto feiral, nunha antiga zona industrial rehabilitada.

A Expo Xangai terá lugar entre o 1 de maio e o 31 de outubre de 2010 nun espazo de 310 hectáreas no distrito de Pudong. Agárdase a visita de 70 millóns de persoas, batendo o récord que ostenta na actualidade a Expo de Osaka de 1970, o que a convertirá nun acontecemento de extraordinaria relevancia internacional.

Compartir: