ALCALDÍA

Os soldos do alcalde e os concelleiros conxelaranse ante o novo escenario económico

05/09/2008 O alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, sinalou que ante o escenario económico próximo o Concello parte da hipótese da conxelación de gasto corrente para o ano que vén, ademais da medida de conxelar os soldos do alcalde e dos concelleiros.

Con relación ao complexo escenario económico que se aveciña, a previsión do Concello é, segundo sinalou o alcalde na habitual rolda de prensa semanal, "simbólica", posto que está prevista a conxelación dos soldos do alcalde e dos concelleiros. Sánchez Bugallo sinalou así mesmo que se parte da hipótese da conxelación de gasto corrente "na súa magnitude total" para o ano 2009. Non se prevé ningún incremento de gasto corrente, e de habelos, "terán que ser compensados con minoracións que se poidan producir noutras partidas", explicou. Trátase dunha medida "coherente" co escenario económico, opinou Bugallo, e o departamento de Facenda está xa a elaborar a previsión de ingresos para o 2009. En función deles, explicou, acometerase a elaboración da previsión de gastos, estudando as redistribucións que se poidan producir internamente.

O alcalde falou tamén da crise do transporte aéreo, sometido a importantes cambios nos últimos tempos. Bugallo non é da opinión de crear alarmas maiores do que resulta razoábel. Os datos de afectación dos nosos aeroportos indican que dentro dos aeroportos galegos, o de Santiago é o que mellor resiste. As reestruturacións e redución de oferta de voos por parte de todas as compañías aéreas, derivadas en boa parte do incremento de custes de combustíbel, é impensábel que ninguén poida permanecer alleo a iso. Estase traballando o mellor posíbel neste ámbito, sen descartar ningunha hipótese.

Desde o punto de vista da construción da nova terminal, "non se deben sementar dúbidas onde non as hai", dixo. A obra está contratada e o contrato está asinado entre Aena e a compañía construtora, de xeito que "se Aena cambiase de idea tería que idemnizar á compañía construtora, os terreos están expropiados, etc". Máis aló de dificultades que poidan demorar o inicio da obra, esta "vaise executar e facer", previsibelmente no ano 2010. A situación de Lavacolla é "envexada" polos demais aeroportos galegos, dixo.

Compartir: