EDUCACIÓN

A galescola de San Roque ofrece 61 novas prazas para nenos e nenas de 0 a 3 anos

05/09/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou a escola infantil de San Roque, o terceiro equipamento destas características que pon en marcha o Concello e ao que se sumarán outros dous en breve no Polígono do Tambre e no Parque da Constitución. No acto, no que tamén estivo presente o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, o rexedor da capital galega salientou o esforzo que están a realizar as administracións á hora de incrementar as prazas de infantil na cidade.

O alcalde lembrou que no ano 2000 a única escola infantil pública que había en Santiago era a de Santa Susana. Actualmente, hai cinco: dúas de titularidade municipal (Fontiñas e Conxo), dúas de titularidade autonómica (Santa Susana e Vite) e a galescola de San Roque, de propiedade municipal e xestionada a través do Consorcio de Galescolas. Tamén sinalou que se abrirá unha galescola máis a finais do segundo trimestre do ano que vén, previsiblemente.

Xosé A. Sánchez Bugallo agarda que se poida sacar antes de finais de ano a licitación das obras da escola da Praza da Constitución, que abriría para o curso 2009-2010, o que "nos poñería nun escenario para o curso próximo de dispoñer de sete escolas infantís cun número de prazas arredor do 30% da demanda potencial existente, perto da media da UE que recomenda que a oferta pública de prazas sexa do 33%, e por riba da media galega e estatal, que está entre o 21 e o 23%", dixo. Doutra banda, a Xunta amosou a súa conformidade para a construción doutras dúas escolas infantís, no Castiñeiriño e Santa Marta-Choupana, e dentro do plan Urban, outra máis para a zona norte. Xa que logo, a previsión do Concello é que en tres anos Santiago dispoña de dez escolas infantís cunha capacidade de preto de 1000 prazas que equivalerían ao 40% da poboación que se atopa no segmento de idade de 0 a 3 anos.

A galescola de San Roque
A escola municipal infantil de San Roque ten 61 prazas destinadas a alumnos de entre 3 meses e 3 anos. Conta cunha superficie de 480,42 metros cadrados dispostos en tres corpos organizados como tres bloques de actividades, dúas plantas e un patio exterior de xogos.

Na planta baixa sitúase a zona principal da escola, as aulas (4 unidades: unha para menores de un ano; outra para os de 1 a 2 anos; e as dúas restantes para os alumnos de 2 a 3 anos), o comedor, a cociña e a administravión, así como un patio exterior comunicado con todas as aulas. No primeiro piso ubícanse dous despachos, unha sala para o profesorado e un vestiario. Cabe salientar o patio exterior ao que se accede desde o interior, desde as aulas e desde o corredor e que divide a zona da cociña da zona docente. Consta dunha área axardinada onde se sitúan areeiros e diferentes elementos de xogo e aprendizaxe.

A escola, ubicada nunha parcela de 650 metros cadrados situada entre as rúas de Valle Inclán e As Rodas, no borde oeste do parque de San Roque, estará aberta de luns a venres en horario de 7.30 a 20.30 horas.

Compartir: