TURISMO

149 curtas de 38 países optarán aos premios de Curtocircuíto

04/09/2008 Curtocircuíto, o Festival Internacional de Curtametraxes organizado pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo e a Concellaría de Cultura, seleccionou esta semana os títulos que formarán parte da Sección Competitiva do Festival.

O equipo de preselección estivo composto por 12 persoas que, tras 30 horas de deliberación, seleccionaron 149 traballos entre os 2558 presentados ao concurso. As curtas seleccionadas competirán en 4 seccións diferentes: Categoría Galega, Feito en España, Internacional (que agrupa ficción, animación e documental) e Explora (que inclúe as curtas máis innovadoras presentadas este ano).

España é o pais que conta co maior número de traballos seleccionados (37) seguido por Reino Unido (24) e Francia (13). Outros países como Tailandia, Irán, Xapón, Etiopía ou Islandia tamén contan con representación no festival compostelán.

Estas curtas poderán verse no Teatro Principal de Santiago de Compostela a partir do 17 de outubro. Os gañadores dos 8 premios que concede Curtocircuíto desvelaranse na Gala de Entrega de Premios que clausurará a V edición do Festival o 24 de outubro.

Ademais da Sección Competitiva, a Semana Oficial do Festival contará con programas temáticos fóra de concurso que incluirán curtas do Festival de Sundance, curtas de humor, vídeos musicais, curtas para nenos e para adolescentes, programa UIP (unha selección das curtas gañadoras do premio outorgado pola Academia Europea do Cine)...

As actividades de Curtocircuíto inclúen tamén o III Mercado Internacional de Curtametraxes. O catálogo deste ano conta con 2.647 curtas procedentes de 93 países, que estarán a disposición de tódolos profesionais acreditados no Mercado, que se celebrará entre o 20 e o 24 de outubro co obxectivo de promover as relacións comerciais entre curtometraxistas, compradores, distribuidores e demais profesionais que visiten o Festival neses días. Ademais, dentro do marco do festival, organizaranse obradoiros de formación, master clases, exposicións, e moitas outras iniciativas relacionadas co cinema curto.

Para máis información sobre o Curtocircuíto e as súas actividades pode consultar a web do festival www.curtocircuito.org.

Compartir: