DEPORTES

O Multiusos comeza a temporada cunha oferta de servizos máis ampla e o campo de fútbol de Santa Isabel con novos vestiarios

04/09/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, visitou as últimas actuacións de mellora levadas a cabo en dous equipamentos deportivos da cidade. En primeiro lugar, o rexedor comprobou de primeira man as dúas novas salas construídas no Multiusos Fontes do Sar e nas que se investiu un total de 102.000 euros. No campo de fútbol de Santa Isabel, comprobou as obras realizadas na zona dos vestiarios, onde se contruiron 4 para os xogadores e 2 para os árbitros. O orzamento para esta obra foi de 368.300 euros.

O Multiusos Fontes do Sar conta na actualidade con 6.500 usuarios (preto de 10.00 se se inclúen os que empregan o complexo de Santa Isabel). Para que todos eles se sintan cómodos á hora de practicar deporte e para que poidan escoller entre un maior abano de actividades e de espazos, a instalación estrea dúas novas salas polivalentes que permitirán encher o recinto con máis variedade e máis cantidade de actividades dirixidas. O alcalde salientou precisamente a importancia de aumentar os servizos e a oferta para que todos os usuarios estén satisfeitos e sen que isto supoña un custo a maiores.

Ata agora o recinto contaba con 7 salas de actividades dirixidas, mais 3 salas de musculación e cardiovascular. A elas súmanse estas dúas novas
salas polivalentes facendo un total de 12. O concelleiro de Deportes, Andrés Fariña, remarcou que o complexo deportivo vai seguir crecendo para que os servizos ofrecidos tamén poidan ir en aumento.

A primeira das salas construídas ten unha dimensión de 110 metros cadrados e está equipada con 25 máquinas elípticas: unha combinación entre a máquina escaladora, unha de esquí de fondo e unha cinta de correr. Trátase dun equipamento ideal para traballar os músculos das pernas, brazos, cadeiras, glúteos, abdominais e músculos posturais das costas realizando un exercicio cardiorrespiratorio importante. O xerente do Multiusos, Santiago Cuadrado, salientou a gran acollida que están tendo as clases coregrafiadas ao ritmo da música que se fan con este tipo de máquinas. A segunda sala acollerá nos seus 240 metros cadrados diversas actividades dirixidas como combat, latino, bodyjam, aeróbic ou capoeira.

Os dous novos equipamentos contan cun sistema de renovación de aire que permite que o volume de aire existente nas salas mude completamente cada 6 minutos. Tamén é salientable o sistema de protección acústica co que contan.

Novos vestiarios no campo de fútbol de Santa Isabel
A construción de 4 novos vestiarios para os futbolistas e dous para os árbitros enmárcase na segunda fase da transformación do campo de fútbol de Santa Isabel, na que tamén se levou a cabo a posta en marcha do terreo de herba sintética.

As características do novo terreo de xogo permite un uso moi intenso e continuo da instalación durante todos os días do ano por unha grande cantidade de usuarios, que loxicamente requiren de máis espazo de vestiario. Ao tempo, esta nova afluencia de usuarios ofrece a oportunidade da recuperación do acceso principal a través do muro pétreo e do pórtico, que son a imaxe máis recoñecible do Estadio de Santa Isabel.

En total actuouse nunha superficie de 590 metros cadrados, sendo de 26m2 cada un dos vestiarios para os equipos e de 14 os dos árbitros. Nun exercicio de respeto ao existente, o novo volume, de aproximadamente 67x9 metros, execútase paralelo ao vello muro de pedra evitando tocalo, tentando resgardarse tras el e xerando un patio que permite ventilar e iluminar as zonas húmidas da edificación.

O esquema é sinxelo, executado en hormigón armado, onde varios núcleos de hormigón (os propios vestiarios), soportan unha gran losa maciza, que voa para xerar un espazo a cuberto exterior cara ao campo: de protección, de entrada, de espera..., e un espazo a cuberto interior cara ao muro de peche, que albergará a banda de servizos húmidos. Puntualmente, a cuberta é perforada por patios que permiten a ventilación e iluminación das estancias, ademais de significar a individualidade de cada un dos equipos. Trátase dun edificio funcional ubicado nun lugar xa de por sí singular que intena responder a unhas necesidades de uso moi intensas cun esquema sinxelo e cómodo.

Non será esta a última actuación a executar na zona deportiva de Santa Isabel, o alcalde anunciou que se remodelará a entrada do complexo e se poñerá en valor a praza existente. Tamén se habilitará un pequeno aparcamento para completar os servizos da área e se ampliará a zona de auga das instalacións.

Compartir: