CULTURA

A programación cultural de setembro ten como protagonistas as artes escénicas

03/09/2008 A concelleira de Cultura, Socorro García Conde, presentou aos medios de comunicación o programa cultural previsto en Compostela para o mes de setembro. Así mesmo, a edil fixo unha valoración do recén finalizado Festival dos Abrazos.

Socorro García salientou na presentación do programa cultural do mes de setembro a posición protagonista que ocupan no mesmo as artes escénicas. O teatro e a danza estarán presentes nalgúns dos principais eventos como a obra "Turismo Infinito", do Teatro Nacional S. João (V12 e S13), ou "Crónicas de días enteiros, de noites enteiras, de Factoría Teatro" (V5 e S6).

Tamén volverá o programa SCQ Danza cun tríptico protagonizado polas bailarinas portuguesas Vera Santos e Susana Gaspar (S20 e D21). O Teatro Principal acollerá a representación de "Margar no pazo do tempo", de Sarabela Teatro (Ma 23, Me24 e X25), e o Salón Teatro "Animais artificiais", de Matarile Teatro.

Outras citas de relevancia da axenda cultural de setembro serán o IX Ciclo de Lied ou o comezo da tempada de Abono da Real Filharmonía de Galicia, que se celebrará o 26 de setembro cun concerto gratuíto na Catedral de Santiago. As semanas culturais dos Centros Socioculturais da Rocha e o Aurelio Aguirre de Conxo dinamizarán a vida cultural dos barrios composteláns.

Máis de 50.000 persoas no Festival dos Abrazos
A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais aproveitou a rolda de prensa para facer unha valoración do Festival dos Abrazos, que se desenvolveu nas rúas e prazas de Compostela durante o mes de agosto. Socorro García cualificou de positivos os datos de asistencia do Festival, do que disfrutaron máis de 50.000 persoas. García Conde destacou a presenza de público da cidade e público infantil, en especial nos números de danza, nos concertos musicais, o clown e o circo.

No tocante á avaliación cualitativa do evento, a concelleira de Cultura sinalou que os obxectivos fixados de inicio foron máis que superados, ao actuar nas rúas e prazas de Compostela un total de 73 artistas que desenvolveron 126 accións culturais en só un mes. No Festival tiveron protagonismo os artistas e músicos locais e galegos que entraron en contacto con creadores de todos os recantos do mundo.

Ao tempo, actuacións como as dos Derviches do Cairo, á que asistiron unhas 6.000 persoas, ou a Xove Orquestra árabe xudía, acadaron especial aceptación no público asistente. Por outra banda, o Festival dos Abrazos serviu para pór en valor espazos da cidade rehabilitados ou pouco coñecidos como a Praza da Oliveira, a Igrexa de Santa María do Camiño ou a Zona "C".

Compartir: