CULTURA

A Charanga de Circolando e a aperta musical de Aló Irmao e Pesdelán pechan o Festival dos Abrazos

29/08/2008 O Festival dos Abrazos chega o domingo 31 ao seu fin coa proposta conxunta que ofrecerán ás 22:30 horas na praza da Quintana Aló Irmao e Pesdelán. Aló Irmao, encontro creativo dun dos artistas máis sorprendentes do actual panorama musical de Galicia, Fran Pérez Narf co guitarrista e cantante africano Manecas Costa, compartirá escenario con Guadi Galego, Uxía Cribeiro, Montse Rivera, Mercedes Prieto, Xan Pampín, Carlos Freire e Miguel Flores, Pesdelán, colectivo que se propón recuperar a cultura participativa das festas, poñendo a xente a bailar. Tamén nesta fin de semana, a compañía teatral portuguesa Circolando ofrecerá o seu espectáculo Charanga. Será o sábado 30 e o domingo 31, ás 22:30 horas, no paseo central da Alameda.

Aló Irmao é a proposta artística do dúo que integran Fran Pérez, alma mater do grupo Narf, e o africano Manecas Costa. Nela, o potente latido africano de Manecas xúntase ao incansable espírito aventureiro do galego Fran Pérez, e da faísca xorde unha manchea de novas cancións compostas en exclusiva para este proxecto coa harmonía dos que queren entenderse, e celebrar con alegría a diferenza. Intérpretes ambos os dous de músicas do mundo, procuran atopar xuntos o punto equidistante entre dúas personalidades de profunda identidade e o resultado é unha música innovadora para o mundo de hoxe, que segundo din eles mesmos "soa cunha soa voz: a da emoción, a que non coñece máis fronteira que a do aire para vibrar; esa voz que fala directamente ao corazón, en galego, en criolo, en portugués, en machopi ou en inglés".

Pola súa banda, o repertorio de Pesdelán abrangue temas tradicionais galegos-portugueses, arranxados dun xeito divertido e orixinal e pensados para o baile. "Aínda que moitos de vós non moverades nunca un pé, iso non é un problema", aseguran, "o que facemos é ir aprendendo dunha forma divertida os pasos de baile de cada un dos temas, para despois bailalos todos xuntos".

Artes escénicas
A Charanga que Circolando ofrecerá o sábado 30 e o domingo 31, ás 22:30 horas no paseo central da Alameda, constitúe unha das partes do proxecto Ciclo das Minas, que parte das terras esquecidas e arruinadas que quedan tras o abandono das minas na busca das vidas que perduran nestes espazos, nas linguas, nas historias, nos soños das súas xentes. "Vidas negras de homes-toupa donde a luz sempre é unha tebrosa e marabillosa loucura", en palabras da compañía teatral portuguesa. O espectáculo Charanga celebra estas vidas tomando como puntos de partida dous obxectos simbólicos: a bicicleta como a evocación do vento, da inmensidade, da viaxe, e a fanfarria como imaxe asociada ao brillo, a luz, a festa.

A fin de semana tamén acolle, o sábado 30, a actuación do mestre estadounidense do jazz Glenn Jones co finés Pekko Kappi no xardín de Fonseca. Pekko Käppi é un músico e cantante finlandés que desde 1997 toca o jouhikko, un antigo instrumento finlandés que soa como un violín, quizais menos agudo. Participou cunha ampla variedade de músicos e emsables de Finlandia, Estonia e Suecia e está involucrado en grupos da escena free-folk de Finlandia como Jouhiorkesteri, Kiila, Lau Nau Vilddas, Päivänsäde e Äijä.

Compartir: