CULTURA

Os Dhoad Gypsies traen á meta do Camiño de Santiago a súa viaxe musical e espiritual dende o Rajastán

26/08/2008 O Festival dos Abrazos trae á praza da Quintana a música e a arte do deserto do Rajastán, ao noroeste da India, terra que segundo asegura o director dos Dhoad, o músico Rahis Bharti, "foi reino dos emperadores e dos maharajás e das súas cortes".

Estes cantantes e músicos crean unha atmósfera única coas cores e os sons do Rajastán e viaxe que ofrecerán estes días diante da Porta Santa ten moito que ver coa viaxe que guía aos peregrinos ata Santiago de Compostela, explica Bharti, porque "tamén é unha viaxe de busca espiritual". "No concerto", afirma o alma mater dos Dhoad, "interpretamos música espiritual, rezos, e un tema dedicado a Rama, deus espiritual dos xitanos compartido polas dúas relixións que hai no Rajastán. Terá un significado especial para nós interpretalo aquí, a carón dunha catedral tan importante para a espiritualidade cristiá".

O deserto do Thar foi, tamén, berce dos xitanos e de numerosos trovadores e músicos que van polas cidades para divertir a príncipes e cortesáns. "Os Dhoad pertencemos a unha familia, a unha casta, de músicos", di Rahis Bharti, "nós levamos sete xeracións facendo música, o noso faquir leva toda a vida ofrecendo a súa arte ás personalidades importantes que visitaban a súa vila, dende os cinco anos, e a nosa bailarina, Kamla Kumari, pertence a unha familia de gardiáns da cobra". Hai sete anos que Bharti decidiu crear o grupo dos Dhoad Gypsies, para "intentar transmitir a cultural real do Rajastán polo mundo". Dende aquela levan ofrecido 500 concertos, en 35 países dos cinco continentes. Veñen de actuar na Expo de Zaragoza e contan orgullosos que participaron na cerimonia de inauguración dos xogos olímpicos de Atenas, no 2004. "O Rajastán é unha rexión tan grande como toda Francia, coas súas características culturais propias", explica o director dos Dhoad, "e nós levamos polo mundo unha imaxe desta complexa cultura, ofrecemos ao noso público unha viaxe real ao Rajastán".

O show depende do lugar, do público e das sensacións que se xeren no momento. "Cada vez que damos un concerto queremos estar no corazón do público", asegura Rahis Bharti, "e variamos o espectáculo tanto como sexa preciso para conseguilo". Porén, hai una estrutura mínima coa que poden contar todas as persoas que se acheguen o martes 26 ou o mércores 27, ás 22:30 horas, á praza da Quintana para realizar a "viaxe ao Rajastán" que propoñen os Dhoad Gypsies. En liña fronte ao público e durante pouco máis dunha hora, Amrat Hussain e Rahis Bharti tocan as táboas e o dholak (un pequeno tambor de dúa caras), Bilal Khan toca as kartels ou castañolas, Ghulam Ali toda o harmonio portátil e Gopal Singh toca o pungi (frauta empregada polos encantadores de serpes). Todos eles cantan, mentres un faquir cuspe lume, fai acrobacias sobre vidros rotos ou mantén o equilibrio sobre unha alfombra de cravos cunha alforxa chea de auga na cabeza. Para rematar a exhibición da música e da arte tradicional do Rajastán, terra de tradicións espirituais na que a arte se transmite de pais a fillos, unha bailarina sapera, Kamla Kumari, realiza acrobacias tradicionais e presenta coreografías de temas mitolóxicos como o da cobra, gardiá das verdades espirituais.

Performances, máis música e circo
As performances do CGAC despídense o mércores 27, ás 20:30 horas en Bonaval, da programación do Festival dos Abrazos, coa intervención de Félix Fernández, e o grupo de pop local Tango Bar ofrece tamén nesa noite, ás 22:30 horas, a súa derradeira intervención. Será en San Paio de Antealtares, onde recollerán o relevo Fredy Fevereiro Trío. Ademais, a música galega e guaraní de Mugardos e Keresú volve o martes 26, ás 20:30 horas, a Compostela, en Casas Reais. Volverán actuar o xoves 28, ás 20:30 horas, na praza de Feixoo.

Despois do Pequeno Circo dos Milagres que se instalará o martes 26, ás 19:30 horas, no cemiterio de Bonaval baixo a dirección de Alejandro Costas, Santiago Montero, Raquel Oitavén e Mercé Solé, o circo despídese ao día seguinte do Festival dos Abrazos co espectáculo Swing Guitars "Aló Django" que ofrecerán Xabier Mera, Mon Orencio, Bernardo Martínez e Quim Fariña ás 19:30 horas na praza de San Martiño Pinario.

Compartir: