XUNTA DE GOBERNO

Vía libre ao comezo das obras en Fonte do Ouro e no Monte de Dios

26/08/2008 O Goberno local adxudicou definitivamente as obras de rehabilitación da Fonte do Ouro na súa primeira fase, co obxectivo de que estean rematadas a finais de novembro. A Xunta de Goberno extraordinaria amén adxudicou provisionalmente as obras de rexeneración do Monte de Dios.

O Concello investirá 175.101 euros nesta primeira fase de actuacións na Fonte do Ouro, ao carón do estadio de fútbol de Santa Isabel. Faranse beirarrúas e instalaranse bancos de pedra e 13 luminarias, ademais de crear nove prazas de aparcamento. Completarase a reurbanización cunha área de lecer na zona onde se atopa a propia Fonte do Ouro, que tamén experimentará unha notable melloría. A segunda fase das obras comezarán xa en 2009.

No caso das obras de rexeneración do Monte de Dios, adxudicáronse provisionalmente por importe de 131.522 euros. O proxecto contempla a recuperación do contorno deste ámbito, coa rexeneración da vexetación autóctona e a corrección dos impactos causados polo trazado e pola integración de infraestruturas.

Ademais, poranse en valor os elementos etnográficos e culturais relacionados co aproveitamento da auga, e crearanse infraestruturas para facilitar o sendeirismo e a observación dende un dos mellores miradoiros que ten a cidade.

Ampliación do servizo de mantemento de zonas verdes
Por outra parte, a Xunta de Goberno extraordinaria acordou ampliar o contrato asinado coa empresa CESPA para o mantemento e reposición de zonas verdes do Concello. Deste xeito, ata o 31 de decembro de 2008 aumentarase o canon na cantidade de superficie que exceda do 4% de incremento de ámbolos dous niveis, é dicir, 140.980 metros cadrados de superficie para o Nivel I a un prezo de 2,04 euros/ano/metro cadrado. A isto engadiranse 65.295 metros cadrados de superficie de Nivel II a un prezo de 0,76 euros/ano, 914 unidades de árbores a un prezo de 17,62 euros/ano/unidade e 26 xardineiras a un prezo de 24,14 euros/ano/unidade.

O incremento total do canon ata o 31 de decembro é de 341.262 (28.438 euros/mes). A partir do 1 de xaneiro de 2009, o canon polo incremento de zonas verdes en ámbolos niveis ascenderá á cantidade de 443.487 euros.

Compartir: