OBRAS

Comezan as obras do parque comarcal de bombeiros

16/09/2005 O venres 16 colocouse a primeira pedra do edificio que albergará o futuro parque comarcal de bombeiros, financiado pola Xunta, a Deputación e a Mancomunidade de Santiago. No acto interviron a Directora Xeral de Administración Local, Begoña Rodríguez Rumbo, o Presidente da Deputación de A Coruña, Salvador Fernández Moreda e o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo.

Hoxe tivo lugar o acto de colocación da primeira pedra do futuro Parque Comarcal de Bombeiros, que se ubicará en Salgueiriños, fronte ao antigo mercado nacional de gando, e que podería estar rematado en setembro do ano que vén, segundo anunciou o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, se ben o prazo de execución é de 18 meses.

No financiamento do edificio participan a Xunta, a Deputación de A Coruña e a mancomunidade de Santiago, que asinaron un convenio de colaboración o pasado 1 de abril deste ano, e que recollía á súa vez o convenio marco de colaboración para a conversión en parque comarcal de bombeiros do parque de bombeiros de Santiago, asinado o 27 de setembro de 2001 pola Xunta, a Deputación da Coruña e os concellos da mancomunidade de Santiago: Santiago, Brión, Padrón, Rois, Teo, Ames, Boqueixón, Val do Dubra e Vedra.

Para a construción do parque comarcal prevese un orzamento máximo de 2.229.590,98 euros, dos que a Consellaría de Xustiza achegará o 40%, outro 40% a Deputación Provincial de A Coruña e o restante 20% o concello de Santiago de Compostela, que ademais aportou o solo necesario e licitou a construción da obra.

As obras foron adxudicadas na Xunta de Goberno Local do pasado 8 de xullo de 2005 á empresa Extraco SL, cunha licitación que ascende a 1.878.205 millóns de euros. Os arquitectos do edificio son Alberto Noguerol e Pilar Díez.

Na parcela, cunha superficie total de 6.942,41 metros cadrados, situarase o edificio que albergará as instalacións do parque de bombeiros, de 2.386,32 metros cadrados, pero tamén unha zona de uso común para bombeiros e policía municipal, que contará con 384,16 metros cadrados.

No extremo da parcela oeste situarase o parque comarcal de bombeiros, que disporá dun amplo garaxe, un patio de operacións e a torre de prácticas. O garaxe conta cos 15 cocheiras para camións grandes. Sobre o garaxe ubícase o edificio principal do Parque de Bombeiros con dúas plantas. Na baixa sitúanse, xunto a outras dependencias, as estancias e dormitorios do corpo de bombeiros.
A zona de usos comúns que compartirán a policía e os bombeiros acolle un ximnasio, os vestiarios e unha sala de actos.

Compartir: