CULTURA

Máis música e circo na oferta cultural do Festival dos Abrazos

22/08/2008 O instrumentalista madrileño Chico Hugo e o pianista francés Pascal Neveu despídense do público compostelán con actuacións no xardín de Fonseca e no paseo central da Alameda, respectivamente. As novidosas propostas creativas destes dous músicos e a sesión de multimedia electrónica realizada na zona "C" polo Dj Mr. Fishman e mais os Vdj’s D.Rndm Usmiko.como deixan paso a unha fin de semana protagonizada pola música no Festival dos Abrazos.

Chico Hugo é un músico novo que experimenta coa construción dunha linguaxe musical propia a través de instrumentos pouco convencionais e que resultou gañador do segundo Festival de Músicas Minúsculas en 2005. "A arte está en todas partes", asegura Hugo, "con calquera cousa podes facer música". O músico madrileño emprega nos seus concertos tanto instrumentos tradicionais como a guitarra clásica, o baixo ou o teclado como recursos electrónicos xestionados a través dunha mesa de mesturas e obxectos reciclados en instrumentos musicais como copas de vidro, latas ou un tubo de PVC.

O pianista francés Pascal Neveu, pola súa banda, leva aos espazos abertos das cidades europeas as súas improvisacións sobre jazz, clásica e música oriental. Nos parques e prazas, segundo explica o músico, "hai distintas solucións para o público nos meus concertos. Algunha xente queda de pé ao lonxe, outra achégase ao piano, outra déitase na herba ou séntase nun banco... Gústame ofrecerlles a posibilidade de vivir unha perspectiva pouco habitual da natureza ao mesmo tempo que descobren ou redescobren o piano, a música, o jazz". Ademais, para Neveu a relación entre a arte e o espazo no que se produce é fundamental. "A música embelece o espazo e o espazo embelece a música", afirma.

Mr. Fishman é o seudónimo de Dr. Think cando realiza sesións non tan enfocadas á pista de baile, con sons e ritmos máis pausados dentro da música electrónica: trip hop, down-tempo, rap instrumental, samples, efectos e dub de alto octanaxe pasarán polos seus pratos xiradiscos. Esta noite ás 23h na zona "C", estarán acompañando a música con imaxes sincronizadas están os vídeo dj’s d-rndm.

Fin de semana
A música volve á programación do Festival o sábado 23, da man do músico compostelán Emilio Cao, que ofrecerá as súas intervencións de corenta minutos Co mar no meu peto ás 12:30 e ás 20:30 horas na igrexa de Santa María do Camiño. Nesta mesma xornada, a compañía de circo El Retrete de Dorian Gray, composta polo actor, clown e showman galego Marcos PTT e polo mago e malabarista Ezra Moreno, ofrecerá ás 18:00 horas na rúa do Vilar o espectáculo Ne me quitte pas, que conta a historia dun grande da canción francesa en pases de corenta minutos. Finalmente, o jazz, o soul e os ritmos latinos chegarán o domingo 24 á programación do Festival dos Abrazos, da man do Xosé Nine Cuarteto & Loli Nogueira, que actuarán ás 20:30 horas na praza de San Martiño Pinario.

Compartir: